Sorprendido o compañeiro dunha acusada ao tentar entrar con dous coitelos na Audiencia
Por Oskar Viéitez
A Sección Segunda da Audiencia pontevedresa deixou visto para sentenza o xuízo celebrado este xoves contra María Clementina G.A., unha antiga interna do centro penal da Lama que presuntamente tentou entregarlle droga ao seu marido, tamén interno no penal, durante un 'vis a vis'.
Curiosamente o compañeiro sentimental da acusada foi sorprendido ao tentar entrar na Audiencia con dous coitelos e unhas tesoiras. Os axentes da Garda Civil impediron que accedese con eles á sede xudicial aínda que permitiron a entrada deste home.
Unha vez que este individuo entrou na sala de vistas continuou xerando problemas xa que interrompeu o xuízo ao querer falar coa acusada e dirixiuse á presidenta do tribunal dicindo "yo también quiero preguntar". Por este comportamento, ademais de non respectar as medidas sanitarias impostas con motivo da Covid19, este home foi expulsado da Sala.
Pola súa banda Clementina negouse a declarar polo que a fiscal recorreu a unha declaración anterior na que esta muller explicaba que conseguira a droga cando estaba de permiso e que "era para pagar unha débeda" do seu marido ao que estarían "a ameazar" dentro da prisión.
No momento dos feitos a acusada cumpría condena na Lama e tiña concedida unha comunicación intermodal co seu marido, que tamén cumpría condena no mesmo centro penal.
Dous funcionarios de prisións explicaron que o 23 de xullo de 2018, nun cacheo regulamentario antes do 'vis a vis' co seu marido detectaron que Clementina levaba oculta entre a súa roupa interior dez fragmentos en forma de landra dunha substancia que resultou ser resina de cannabis, cun peso total de 104,2 gramos e un valor de 593,94 euros, así como dúas bolsas que contiñan 3,563 gramos de cocaína, cun valor de 436,72 euros.
A Fiscalía pide que a acusada sexa condenada a sete anos de prisión por un delito contra a saúde pública e o pago dunha multa de 4.000 euros.
Relacionadas:
-
Seis anos de cárcere para a muller que intentou entregar droga á súa parella na Lama nun 'vis a vis'
Por Redacción |
-
Aprazan o xuízo contra unha antiga interna da Lama por tentar pasarlle droga ao seu marido durante un 'cara a cara'
Por Natalia Puga |
-
A xuízo por intentar pasarlle droga ao seu home durante un 'vis a vis' no cárcere da Lama
Por Redacción |