Os autónomos saen á rúa o sábado para reivindicar os seus dereitos: "Somos autónomos non caixeiros"
Por Redacción
Os traballadores autónomos da provincia de Pontevedra están chamados a concentrarse este sábado 27 de xuño na capital para reivindicar os seus dereitos a nivel xeral e con motivo da crise do coronavirus en particular.
"Somos autónomos non caixeiros" é o lema desta protesta, que se difundirá a través das redes sociais co hashtag #autónomosalacalle e reclama que se adopten medidas históricas para este colectivo como igualdade de dereitos, Xustiza tributaria, unha cota xusta, un dereito a paro efectivo e unha xubilación digna.
En relación coa crise da Covid-19 demandan moratorias en préstamos e hipotecas, exoneración de cotas de autónomos, axudas e subvencións reais e prórroga nos ERTEs.
Trátase dunha concentración pacífica prevista para as 19.30 horas na praza de España de Pontevedra, coincidindo con mobilizacións similares no resto de España. Ás oito da tarde está previsto un minuto de silencio polos falecidos por coronavirus e polos autónomos moi afectados nas súas actividades laborais.
Media hora despois lerase un manifesto reivindicativo coas súas demandas e abrirase o micro para que aqueles manifestantes que así o desexen poidan expresar a súa problemática.
Os asistentes están chamados a acudir con camiseta e máscara negra e hai un chamamento específico para que respecten os dous metros de distancia de seguridade recomendados polas autoridades sanitarias.