O BNG anuncia desde un espazo Rede Natura de Pontevedra a proposta de aumentar esta protección ao 20% de Galicia
Por Redacción
O cabeza de lista do BNG por Pontevedra para as eleccións autonómicas do 12 de xullo, Luís Bará, visitou na mañá deste mércores ás ribeiras do río Lérez en Monte Porreiro, un espazo declarado Rede Natura, e anunciou que se o seu partido chega ao Goberno da Xunta de Galicia ampliará a Rede Natura mediante unha proposta ambiciosa para avanzar "dende o raquítico 2% do territorio galego actual protexido ata o 20%".
O obxectivo dos nacionalistas neste eido é achegar Galicia á media estatal e europea e abandonar o furgón de cola. Para logralo, teñen intención de recuperar a proposta do goberno bipartito da Xunta do ano 2008 incidindo na necesaria conectividade entre todos os territorios protexidos para garantir a biodiversidade.
Segundo destacou Bará, o obxectivo é poñer a Galicia "á vangarda da protección da biodiversidade" e, entre outras propostas, tamén deu a coñecer a promesa de creación por lei do Fondo de Conservación da Natureza entendido "como un seguro de vida colectivo, un seguro de vida da natureza tanto para as persoas como para o planeta".
Bará, que realizou o percorrido acompañado polo tamén candidato Manuel Lourenzo, a concelleira Pilar Comesaña e militantes e simpatizantes do BNG, explicou que se trataría dun fondo económico da Xunta con medios procedentes dos orzamentos públicos e tamén fondos privados que se conseguirían mediante doazóns e convenios con entidades privadas.
Esta figura busca a protección da natureza, a posta en marcha medidas de xestión e ordenación e conservación dos espazos naturais protexidos (ríos, rías, montes, ou calquera con valor ambiental) e tamén se utilizaría para realizar plans de protección e conservación de especies ameazadas e en grave risco de extinción tanto de flora como de fauna.
Relacionadas:
-
Bará chama a frear as privatizacións e apostar por unha sanidade pública "universal e gratuíta"
Por Redacción |
-
O 'espírito de fraternidade' de Castiñeiras para mobilizar ao electorado do BNG no 12X
Por Redacción |
-
Bará aposta por tratar os lodos da dragaxe do Lérez en plantas especializadas: "O mar non é un vertedoiro"
Por Redacción |