Cidadáns modera as críticas do seu concelleiro Goyo Revenga ás axudas do Concello ao comercio pontevedrés

Por Oskar Viéitez
O concelleiro de Cidadáns en Pontevedra, Goyo Revenga, criticou ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e ao tenente de alcalde, Tino Fernández polas axudas destinadas polo Concello ao comercio local. Con todo, nun comunicado posterior a formación laranxa moderou a postura do seu único edil.
Segundo Revenga "como dous magos, o señor Lores e o señor Fernández sácanse da chistera 1,25 millóns de euros, segundo eles para axudar ao comercio e os autónomos de Pontevedra, máis que unha axuda é unha pedra que pode axudar a afundir o tecido produtivo".
O edil de Cidadáns expresou a súa "decepción polo que anunciaron aos catro ventos, fálase de axudas cando o que hai é unha liña de subvención para novos investimentos" e sinalou que se lle esixe ao comercio un investimento de 8.642 euros en total, para obter unha subvención de 5.000 euros. "Estamos de broma! Realmente o Sr. Lores e o Sr. Fernández coñecen a realidade do comercio e a súa problemática despois da crise de COVID, afirmo que non", dixo.
"Axudas directas, con baixadas de taxas e impostos para dar liquidez ao comercio e a hostalería de Pontevedra, iso é o que piden e non parches de subvencións", manifestou Goyo Revenga.
SEGUNDO COMUNICADO
Nun segundo comunicado, emitido por Cidadáns Pontevedra, a formación laranxa modera o discurso do seu edil e pide ao Goberno municipal que "flexibilice os requisitos para acceder ás subvencións municipais para autónomos e pequena empresa".
É máis, os responsables da formación liberal engadiron que "celebramos que o goberno municipal se dese conta da necesidade de axudar a autónomos e ao pequeno comercio que se viron afogados durante estes meses e agora enfróntanse a unha dura saída desta crise do Covid19, na que algúns comercios tiveron que botar o peche".
Relacionadas:
-
Goyo Revenga acusa a Ciudadanos de expulsalo por facer "algo similar" que Inés Arrimadas
Por Alejandro Espiño |
-
Habilitan unha web para as consultas sobre as axudas a autónomos e 'micropemes'
Por Redacción |
-
Pontevedra concederá axudas económicas a autónomos e 'micropemes'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |