A Garda Civil intercepta un camioneiro en Vilaboa que cuadriplicaba a taxa de alcol
Por Redacción
A Garda Civil denunciou un camioneiro que superaba catro veces a taxa de alcoholemia permitida para condutores profesionais cando circulaba pola N-550.
Segundo informaron fontes oficiais do Instituto Armado, os feitos producíronse no transcurso dun control preventivo no quilómetro 127,100 da estrada N-550, situado á altura da parroquia de Bértola, no municipio de Vilaboa.
Os efectivos do Destacamento de Tráfico da Garda Civil de Vilaboa, ao dar o alto ao camión sospeitaron da actitude do condutor que presentaba síntomas evidentes de circular baixo os efectos do alcol. Ao ser sometido ao test de alcoholemia deu resultado positivo, con 0,64 mg/l a primeira proba e 0,66 a segunda, cuadriplicando a taxa de 0,15 mg/l permitida regulamentariamente para os condutores profesionais.
O camión, que circulaba cun cargamento de produtos conxelados con destino ao Porriño, tivo que ser inmobilizado ata que se fixo cargo do mesmo o responsable da empresa. Pola súa banda, o condutor que resultou ser un veciño de Vigo, de 56 anos, foi denunciado por unha infracción moi grave ao Regulamento Xeral de Circulación e enfróntase a unha sanción económica de 1.000 euros e á detracción de 6 puntos do permiso de condución.
Desde o Subsector de Tráfico da Garda Civil reitéranse que os efectos negativos do alcol ao volante, que son a consecuencia de numerosos accidentes mortais na estrada, poden ser mais graves e carrexar maiores desgrazas cando se trata de condutores profesionais que conducen habitualmente camións ou outros vehículos de servizo público.