Pontevedra mantense como a área sanitaria galega con menos positivos por coronavirus, estancada en oito casos
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense como a zona de Galicia con menos casos activos de coronavirus. A pesar de estar estancada en oito positivos desde hai días, resiste pola súa baixa incidencia, con catro casos menos que Ferrol e moi lonxe doutras áreas con moitos máis contaxios como Vigo, con 138.
Segundo o último balance do Servizo Galego de Saúde, este martes 23 de xuño mantense nas mesmas condicións epidemiolóxicas que en datas pasadas, sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Todos eles os casos activos son pacientes que evolucionan nos seus domicilios e hai días que non se rexistran novas curacións.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 893 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas na área sanitaria.
Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 335, oito menos que este luns. Deles, 108 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 21 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 138 da área de Vigo, 31 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 331 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Ata agora, en Galicia hai un total de 10.545 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 167.126 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supón o 0,01% do total das persoas residentes. Dos 335 casos positivos na comunidade, 4 son usuarios e un é profesional de centros residenciais. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.