Moita sardiña polo San Xoán, de pequeno tamaño e a prezos baixos
Por Oskar Viéitez
Na véspera da festa de San Xoán o Grupo de Acción Local del Sector Pesquero (GALP) Ría de Pontevedra vén de facer un percorrido pola cadea de valor da sardiña, do mar ao prato, dos pescadores ás peixeiras pasando polos hostaleiros. Para todos eles, este San Xoán atípico, marca un punto de inflexión no camiño cara a nova normalidade.
Trátase da primeira gran festividade tras o fin do estado de alarma.
Nas peixarías hai menos demanda de sardiña que outros anos. Piliña Gómez de Pescados da Ría Piliña de Portonovo achaca isto á falta de festas populares e espera que ás celebracións nas casas, coas familias, logren levantar algo a venda de sardiña nunhas datas que sempre se caracterizaron pola alta demanda e a suba de prezos.
O pescador do xeito Isaac Querejeta coincide en que a demanda "non vai ser como a doutros anos" pola falta das fogueiras organizadas por concellos, entidades e asociacións veciñais.
José Manuel Castiñeira, pescador do cerco, engade outro factor: a falta de turistas. "Isto en San Xoán xa estaba cheo de xente, non era como agosto e xullo pero xa había bastante xente e esa xente toda non vai a vir", lamenta.
Polo posto de Pescados da Ría Piliña no mercado pasan veciños diariamente a preguntar polo prezo das sardiñas porque "ese día –o 23 de xuño - todo o mundo ataca á sardiña e a demanda fai que suba o prezo na poxa” explica esta peixeira". "Se se xunta moita sardiña vai baixar de prezo, se hai pouquiñas caixas mantense, depende".
Castiñeira Vidal asegura que, de momento, este ano o prezo está bastante máis baixo que o ano pasado e que, paradoxalmente, hai moita sardiña "non é sardiña moi grande", recoñece "pero hai moita, moita sardiña". E de prezo non está nada mal porque "estase vendendo a 10 euros a caixa de 15 quilos, sobre 0,80 ou 0,90 o quilo. O ano pasado estaría a 60, 70, 80 euros a caixa e de aí para arriba", estima este pescador do cerco. Cando chega ao consumidor o prezo sube, lóxico. No mercado a sardiña "anda entre tres e seis euros, tampouco é unha cousa esaxerada para as datas nas que estamos", expón Gómez.
Para os pescadores a anomalía deste ano supón a perda dun dos días fortes da campaña "nun día gañábamos a semana porque a sardiña collía bo prezo pola alta demanda", con todo, Querejeta sabe que hai vida para a sardiña máis alá do San Xoán. Ese día "o foco de atención é a sardiña pero para nós só é un día, non representa nada". A verdade é que "San Xoán son todos os venres do verán" grazas ao consumo particular "xente que nas fins de semana fan unha sardiñada na casa".
Querejeta cre que aínda que o martes pode ser algo frouxo o resto da campaña estival pode presentarse favorable. O pescador do cerco Castiñeiras é máis circunspecto á hora de falar do que pode suceder en xullo e agosto: "Todo depende de como vaian indo as cousas e se hai rebrotes de coronavirus", di.
SARDIÑADAS FÓRA DA CASA
Unha opción para este San Xoán é non quedar na casa e achegarse a algún establecemento hostaleiro. En Combarro, a cita ineludible é a sardiñada do restaurante O Peirao. Inaugurado na década dos setenta, este espazo estableceuse na pequena vila primeiro como ultramarinos e, co paso do tempo, como referente gastronómico da provincia. Coñecido polos seus peixes, especialmente pola sardiña asada, trátase dun restaurante familiar rexentado por Juan Carlos Alvariñas e o seu irmán. No Peirao poden chegar a despachar cerca de setenta quilos de sardiña ao día. Con todo, a oferta é máis ampla e inclúe pratos como "xouba frita e un guiso de xoubas que están moi ricas, un prato que facía miña avoa e que miña nai recuperou", explica Alvariñas.
Aquí traballan só con sardiña do xeito fresca que compran diariamente e "non traballamos outro tipo porque a que nos deu a fama é esta", afirma o responsable do restaurante combarrés. "A do xeito é unha sardiña do interior que ten un sabor especial, á parte de que se desmalla unha a unha, non vén mazada; é unha sardiña dunhas características inmellorables". No Peirao prepárase asada nun lume con leña de carballo e acompañada con cachelos, pataca cocida, e pan de millo. "Ese é o tándem perfecto", asegura.
Aínda que o pico de consumo de sardiña vén marcado polo San Xoán, a verdade é que ten percorrido durante todo o verán. Hai tempo para ir comprobalo.