A praza Massó, escenario para dous días de celebración do Orgullo LGTBIQ+
Por Redacción
O venres e o sábado, a praza Massó, converterase no punto de encontro das III Xornadas pola Diversidade Afectivo-Sexual, que organiza o Concello de Bueu, con motivo da celebración o domingo 28 do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+.
Inmaculada Rodríguez, concelleira de Mocidade e Infancia, presentaba este evento que se abrirá o venres 26, ás 21.30 horas, coa lectura dun manifesto para, a continuación, establecer o coloquio 'You can act, visibilizando a diversidade', no que está prevista a participación de Yanina Alfaya, Lara Fandiño e Nuria Grandío. A artista Sheila Patricia ofrecerá un concerto a partir das 22.30 horas.
Tamén o sábado no mesmo escenario da praza Massó presentarase, a partir das 22.00 horas, a Rede Educativa de Centros de Apoio LGTBIQ+ de Galicia. Denis Vicente Rodríguez, Marcos Barreira, Leonor Gala e diverso alumnado do IES Johán Carballeira participará neste acto.
Ás 22.45 proxectaranse dous curtos sobre a diversidade. Unha proxección que corre a cargo da Asociación FICBUEU. As persoas interesadas poderán ver 'Pink Boy' e tamén 'In the Heartbeat'.
Con estas actividades, Inmaculada Rodríguez indicaba que se quere concienciar e analizar temas relacionados co colectivo co obxectivo de establecer igualdade de todas as persoas, independentemente da súa identidade sexual ou da súa orientación.