O BNG de Marín pide ao Goberno unha "inmediata solución" para os mariñeiros que non poden volver do Atlántico Sur
Por Redacción
O BNG de Marín amosa a súa preocupación pola problemática que están a vivir centos de mariñeiros galegos debido á crise sanitaria da Covid-19 e pide unha "inmediata solución" a unha situación que afecta a moitos mariñeiros desta localidade.
A principal problemática do sector é que non poden realizar os relevos nos barcos palangreiros e conxeladores que faenan no Atlántico Sur, de maneira que levan moitos meses traballando de xeito continuado sen descansos nin poder ver as súas familias.
Os nacionalistas tamén se amosan preocupados polos traballadores aos que a pandemia colleu nas súas casas e que non poden incorporarse ao seu posto de traballo. A súa situación é difícil por non ter ingresos, e nalgúns casos sen poder percibir ningún tipo de prestacións, mentres teñen que seguir coa obriga de facer fronte a pagos como hipotecas ou alugueiros.
O BNG de Marín lembra que o deputado nacionalista no Congreso Néstor Rego xa presentou unha serie de preguntas dirixidas ao Goberno central expoñendo a problemática destes mariñeiros e agora quere saber se o Executivo vai ter en conta esta situación e tomar medidas concretas como facer un censo dos mariñeiros galegos que se atopan nesta situación para coñecer a magnitude real do problema e poder axilizar as xestións con este colectivo.
Desde este partido tamén queren saber se o Goberno pensa facilitar transporte aéreo a ditos mariñeiros para facer os relevos, e permitir o retorno dende os portos de atraque aos seus fogares, así como facilitar aos que están nas súas casas que poidan desprazarse para poder embarcar e obter os ingresos necesarios para o sostemento persoal e familiar.