Cs propón reconverter os quioscos en desuso en centros de información sobre a Covid-19 e asesoramento da 'nova normalidade'
Por Redacción
Os responsables de Cidadáns (Cs) en Pontevedra presentaron un escrito no Concello no que instan o Goberno local a buscar un uso social aos quioscos municipais que se atopan en situación de "abandono e deterioración", elementos que levan anos en desuso e que poderían destinarse, entre outros moitos usos, a centros de información de loita contra a Covid-19 e asesoramento da denominada 'nova normalidade'.
Cs aposta por darlles un uso social ou beneficioso para os veciños, de modo que, como primeiro paso, solicitan un censo actualizado dos quioscos existentes e o seu estado estrutural para poder desenvolver neles actividades alternativas.
A formación laranxa xa realiza unha serie de propostas para reutilizalos e convertelos en espazos útiles. Así, trasladan ao Concello a idea de que pasen a ser espazos de entrega/recollida de alimentos, roupa ou material escolar; locais cedidos a Cruz Vermella ou outras ONG; espazos para campañas de promoción e axuda social; ou lugares usados por clubs deportivos de Pontevedra para promocionar as súas actividades.
Outros usos alternativos propostos son que pasen a ser zonas de conexión wi-fi gratuíta; puntos de Información de turismo, cultura, roteiros ou outras actividades municipais; recunchos de exposicións de arte, representacións teatrais ou concertos para que poidan acceder artistas rueiros ou aqueles que o soliciten; puntos de recollida e distribución para a futura plataforma de comercio municipal; lugares de información sobre reciclaxe e compostaxe; ou puntos de tramitación municipal.
Desde a formación laranxa explican que realizan esta proposta tras ter coñecemento de que o Concello identificou 828 elementos que 'desentoan' coa paisaxe urbana de Pontevedra e, por tanto, contribúen ao feísmo urbano da cidade.
Ademais, insisten en que non se entendería esta iniciativa se non se crean estes espazos tamén noutras zonas da cidade e do rural.