Recoñecemento ao esforzo colectivo do sector turístico para garantir un destino seguro
Por Redacción
O esforzo colectivo que están a realizar os profesionais do turismo á hora de adaptarse ao novo escenario post coronavirus recibiu esta fin de semana un digno recoñecemento en Sanxenxo por parte dos conselleiros de Cultura e Turismo e Medio Rural da Xunta, Román Rodríguez e José González.
Os representantes autonómicos asistiron este domingo á presentación do novo Hotel Augusta Eco Wellness Resort, no seu 21 aniversario, e durante o acto recoñeceron o esforzo xa realizado polo sector ao tempo que animaron a seguir traballando xuntos ante os retos para a reactivación da actividade e para garantir un turismo seguro que ofreza confianza ao visitante que esscolla Galicia como destino este verán.
Durante o acto tamén se puxo de manifesto a crecente modernización e adaptación da planta hoteleira galega, con exemplos como este establecemento da hostalería das Rías Baixas que, segundo destacan desde o Goberno galego, "soubo adaptarse aos novos tempos cunha oferta vinculada á saúde, o benestar, a excelencia e a hospitalidade".