Ata 17 empresas queren xestionar o contrato de mantemento de espazos públicos do rural
Por Redacción
Un total de 17 empresas están interesadas en xestionar o contrato de mantemento dos espazos públicos rurais de Pontevedra, que ascende a máis dun millón de euros. As ofertas presentadas oscilan entre os 722.326,84 euros e o 1.035.299,04 euros.
A Mesa de contratación do Concello de Pontevedra reuniuse esta semana para valorar as ofertas presentadas polas 17 empresas a este contrato no que o Concello fai nesta ocasión "un especial esforzo", pois ese millón de euros do contrato supón incrementar as contías que destinaba a este ámbito ata agora, que se limitaba a 241.000 euros ao ano.
As empresas que presentaron oferta son: API Movilidad, Asfagal técnicas viarias, Construcciones Caldevergazo, Construcciones E.C.Casas, Construcciones Fechi, Construcciones, Obras y viales (Covsa), Ecocivil Electromur G.E., Elsamex, Eulogio ViñaL, Obras y Construcciones, Fertaf Obras y Servicios, Hornidurak instalazioak eta zerbitzuak, Imesapi, Misturas, Movimiento de áridos y construcciones de Arosa, Narom, Prace, servicios y obras e Edigrup Global - Fevisa Vías y obras (UTE).
A licitación do contrato é de 1.082.948,79 euros e un prazo de execución de 3 anos, coa posible prórroga dun ano máis.
O obxectivo é atender necesidades do rural como bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.