Balance do coronavirus na área sanitaria: sen variacións no número de positivos, estabilizados en oito
Por Natalia Puga
A área sanitaria de Pontevedra e O Salnés mantense como a zona de Galicia con menor número de contaxios por coronavirus e este domingo 21 de xuño segue coa estabilidade na cantidade de positivos, que continúan sendo oito.
Segundo a información oficial do Servizo Galego de Saúde en Pontevedra, a área sanitaria mantense sen pacientes con coronavirus hospitalizados en planta ou en unidades de coidados intensivos, nin no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, nin no Hospital do Salnés nin en QuirónSalud Miguel Domínguez Pontevedra.
Os oito casos activos que se contabilizan na área sanitaria son pacientes que evolucionan nos seus domicilios. Son a mesma cifra que se mantén desde o xoves 18.
Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 893 pacientes, ningún nas últimas 24 horas, e faleceron 16 persoas na área sanitaria.
Segundo o último balance da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 340, o mesmo número que nos dos días anteriores. Deles, 109 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 140 da área de Vigo, 30 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 336 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Por agora, en Galicia hai un total de 10.532 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.
O número de PCR realizadas é de 165.608 e o número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supón o 0,01% do total das persoas residentes. Dos 341 casos positivos na comunidade, 4 son usuarios e un é profesional de centros residenciais. Do total de falecidos ata o de agora, 132 contabilizáronse en residencias e 142 en hospitais e residencias integradas.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten ao dispor da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.