Xulgan unha interna da Lama que tentou pasar ao seu marido cocaína e cannabis nun vis a vis
Por Natalia Puga
A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará a próxima semana a unha muller que no ano 2018, mentres cumpría condena no centro penal da Lama, tentou facer chegar ao seu marido, tamén interno no mesmo penal, pequenas cantidades de cocaína e cannabis.
A Fiscalía pide que a muller sexa condenada a sete anos de prisión e o pago dunha multa de 4.000 euros como autora dun delito contra a saúde pública.
Segundo sostén a Fiscalía, o 23 de xullo de 2018 a acusada, M. C. G.A., tiña concedida unha comunicación vis a vis co seu marido, J. G. R., e, xusto antes, ocultou entre a súa roupa interior e coa intención de entregarllos ao seu esposo, dez fragmentos en forma de landra con 104,2 gramos de resina de cannabis e dúas bolsas con 3,563 gramos de cocaína. O cannabis alcanzaría un valor no mercado de 593,94 euros e a cocaína, de 436,72 euros.
Estas substancias fóronlle intervidas antes de que levase a cabo a comunicación.