Cubela solicita á Deputación que humanice a praza central de Borela
Por Redacción
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de solicitar á Deputación de Pontevedra, a través dunha carta remitida ao seu Servizo de Infraestruturas, a humanización da praza central de Borela e a adopción de máis medidas de seguridade vial na estrada EP-0407 en dirección a Ponte Caldelas ao seu paso por esta parroquia cotobadesa.
Segundo explica na súa misiva, nos últimos tempos tense detectado un incremento do tráfico e da velocidade de circulación de moitos usuarios ao seu paso por esta estrada provincial en Borela mentres que os redutores colocados pola Deputación estanse a amosar insuficientes para garantir a seguridade vial na zona.
Por todo elo, en Borela está a incrementar o risco de sinistralidade para os viandantes e para os moitos nenos que xogan na súa praza central, polo que dende o Concello cre que chegou o momento de darlle solución a esta cuestión acelerando a humanización do foro central e adoptando medidas de reducción de velocidade en toda a contorna.
"Dentro do marco de entendemento e colaboración entre ambas administracións agardo que estas razoables solicitudes sexan atendidas en breve prazo e bríndome a celebrar as reunións e visitas que sexan precisas para alcanzar un acordo satisfactorio para todos", explicou Cubela.
Polo demais, o rexedor tamén lembrou que, para o presente mandato, aínda están pendentes outras tres solicitudes cursadas á Deputación referidas á humanización na estrada provincial de Viascón cara Carballedo, o remate da mellora integral da EP-7102 Serrapio-Quireza-Portela para que se ensanche a plataforma nos treitos que se excluíron da derradeira actuación e a búsqueda dun acordo para a remodelación a EP-0405 en Almofrei en consonancia coas demandas dos veciños desta parroquia.
"Hai un bo clima de entendemento, como non pode ser doutro xeito entre administracións e como se víu recentemente na completa humanización da Chan, e creo que estas catro solicitudes poden chegar a bo porto neste mandato, co horizonte do ano 2023, pero estimamos que agora urxe darlle unha solución a Borela sen esquecer a importancia de avanzar con axilidade no resto das nosas necesidades", concluíu Cubela.