A música en directo, as actividades lúdico-deportivas e a gastronomía, protagonistas do San Xoán de Caldas
Por Redacción
Caldas de Reis non renuncia a celebrar o tradicional San Xoán a pesar da realidade actual condicionada pola crise sanitaria do coronavirus.
Unha celebración que foi presentada este venres o programa de actividades que terá como prioridade, ademais do lecer e a diversión, a seguridade da cidadanía, o que o converterá nun "San Xoán diferente".
Os festexos terán lugar os días 23 e 24 de xuño coa música en directo, as actividades lúdico-deportivas e a gastronomía como protagonistas. Non haberá fogueira, ao non permitirse a celebración de cacharelas colectivas.
Ámbolos días comezarán coa tirada de bombas de palenque anunciando a festa e o pasarrúas do Grupo de Gaitas As Espiñas polas rúas da vila. As actuacións do serán do martes 23 no Campo Torre. Ás 20.00 horas o grupo Le Barluthier ofrecerá o seu espectáculo de música en vivo e animación ao redor do piano. A noite de diversión continuará ás 22.00 horas co concerto dos artistas locais Beni Ferreiro e Juanma Fernández.
Para garantir o cumprimento das medidas hixiénico-sanitarias e de seguridade necesarias ante a Covid-19 será preciso comunicar previamente a asistencia aos concertos nos seguintes establecementos: Cafetería Leo, Bar o Torque, Número 2, A Bodega do Roxo e restaurante Roquiño.
O día 24, a partir das 11.00 horas, terán lugar na Praza das Palmeiras sesións gratuítas para persoas adultas de Zumba, de Pilates e de Ioga. Pola tarde, dende as 17.30 horas, no mesmo lugar, os nenos e nenas poderán desfrutar de xogos e entretemento infantil, así como dunha sesión especial de Zumba Kids.
Ademais, ámbolos dous días, a sardiña será a protagonista no certame de tapas no que participan unha decena de bares e restaurantes da localidade. O día 23 poderán consumirse de 19.00 a 22.00 e o 24 de 12.00 a 14.00 horas.
No acto de presentación participaron membros das asociación de hostaleiros e de comerciantes, o alcalde, Juan Manuel Rey, a concelleira de Cultura, María López Buceta, o concelleiro de Comercio, Jacobo Pérez, e os voceiros municipais dos grupos políticos da oposición.
Segundo o alcalde, Juan Manuel Rey, "é unha enorme satisfacción poder celebrar un ano máis unha festa tan arraigada no noso Concello como é o San Xoán, a pesar das circunstancias tan complexas a nivel social e sanitario nas que nos atopamos".
O rexedor afirmou que "temos un cartel de actividades moi digno a pesar da dificultade organizativa do momento actual e adaptado á nova normalidade”. "Estamos seguros de que o pobo de Caldas vai desfrutar coma sempre do San Xoán, aínda que sexa este ano dun xeito un pouco especial e vaino facer cumprindo con todas as obrigas de seguridade”, sinalou.
Finalmente agradeceu o esforzo da Asociación de Hostaleiros na organización do evento e brindou un recoñecemento especial á Comisión das festas de San Xoán "que durante tantos anos encheu de troula e maxia Caldas de Reis facendo que a celebración sexa un sinal de identidade da vila”.
Por último, afirmou que "cando as circunstancias o permita, volveremos con máis forza ca nunca festexar esta 'noite meiga'"
Relacionadas:
-
Xa se pode solicitar permiso para realizar fogueiras en leiras privadas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
As Festas de San Xoán estenderanse por toda a parroquia
Por Oskar Viéitez |
-
Aberto o prazo para que a hostalería de Marín solicite asadores para a noite de San Xoán
Por Redacción |
-
Comer sardiñas polo San Xoán terá premio nos establecementos de Poio
Por Redacción |
-
Vaipolorío organiza unha actividade para coñecer a tradición das herbas de San Xoán
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas abre o prazo para autorizar cacharelas particulares
Por Redacción |