O Grove reabre os parques infantís tras comezar co programa de desinfección
Por Redacción
Despois de que a Xunta de Galicia emitira as instrucións sobre a apertura dos parques infantis deixando a totalidade da responsabilidade nos municipios, o Concello do Grove informou que procederá a reapertura dos mesmos.
Trátase dunha reapertura na que se terá que realizar unha desinfección continua e "ningún municipio conta con recursos suficientes para lle facer fronte a unha medida que supón un gasto moi elevado", explican dende o concello.
Aínda así, a partir deste venres, a dinámica que aplicará o Grove será a desinfección correspondente a primeira hora da mañá, antes dos primeiros usos dos parques ou da pista de skate, o que fai un total de 13 espazos, seguindo as instrucións hixiénicas existentes a este respecto.
Desta limpeza e desinfección, que se realizará todos os días dende agora ata diante, vaise encargar o persoal municipal de Emerxencias, que conta con especialización abonda nestas funcións, e centrarase especialmente nos elementos de xogo onde adoitan facer máis contacto.
Ademais diso, as normas dos parques serán actualizadas e contarán con instrucións claras en canto á obrigatoriedade do emprego de máscaras a partir dos seis anos e aconsellando o seu emprego entre os tres e seis anos. Tamén se establece a necesidade de manter a distancia de seguridade de dous metros entre todas as persoas usuarias, ao tempo que se lembra a idoneidade de empregar xel hidroalcólico, que deberá ser de uso individual.
Pola súa banda, o Concello do Grove non colocará dispensadores de xel hidroalcólico en cada un dos parques, xa que esta medida suporía un gasto de arredor dos 12.000 euros, algo que non resulta viable nin adecuado para este fin (sendo prioritario en espazos pechados), e considera asumible que cada persoa poida dispoñer deste tipo de medios de protección propios.
Todas estas normas e directrices inciden nunha mensaxe común de especialistas e institucións, a importancia da responsabilidade individual para lle facer fronte adecuadamente ao grave problema do coronavirus. No caso concreto dos parques e zonas de lecer onde xogan menores é fundamental a responsabilidade de pais e nais ou responsables nese momento do neno ou da nena.
Por iso, dende o Concello pídese a colaboración cidadá e moito sentido común para que se poidan voltar a ocupar este tipo de espazos con seguridade e tranquilidade.
Relacionadas:
-
Moraña e Portas aclaran que abrirán os parques infantís "no prazo máis breve posible"
Por Redacción |
-
Abrir os parques infantís de Pontevedra custará 1.400 euros diarios
Por Redacción |
-
Cuntis, Caldas, Portas, Moraña e Barro manterán pechados parques infantís e piscinas municipais todo o verán
Por Redacción |
-
Tímida chegada da 'nova normalidade' aos parques: "Non se podía vir porque o coronavirus é malo, sobre todo para os avós"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
O PSOE acusa ao Concello de Marín de incumprir a lei a apertura dos parques infantís
Por Redacción |