Doce anos e medio de cárcere para un home que tentou asasinar á súa parella cunha arma branca
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra acaba de condenar a doce anos e medio de cárcere a Juan Carlos G. N., acusado do asasinato en grao de tentativa da súa parella cunha arma branca durante unha discusión na vivenda familiar en Cangas.
O home foi xulgado pola sección cuarta da Audiencia Provincial nun xuízo no que non só negou cravarlle unha arma branca á súa parella, senón que mesmo asegurou que foi ela a que tento atacarlle a el.
Fronte á visión do agora condenado, o tribunal provincial acaba de ditar unha sentenza condenatoria na que subliña que a versión ofrecida polo acusado é "incompatible" coas probas, mentres que a da vítima e a súa curmá, testemuña dos feitos, está avalada documental e pericialmente.
A súa vítima relatou que aquel día de febreiro de 2019 en que ocorreron os feitos el tentouna matar cravándolle un obxecto que non logrou distinguir primeiro no pescozo e logo no costado e asegurou que tivo medo de morrer. "Eu temín pola miña vida, pola vida da miña filla e pola vida da miña curmá", declarou, en alusión a que cando a atacou estaban na vivenda a súa filla e a súa curmá, que chegara de Venezuela tempo atrás e convivía con eles.
O tribunal sostén que as lesións que acreditaron os médicos forenses concordan co testemuño da afectada.
Os maxistrados conclúen na resolución que os feitos se realizaron "alevosamente", polo que consideran que se tratou dun intento de asasinato, non de homicidio. "Estamos #ante un ataque súbito, non esperado, e que debilitaba as posibilidades de defensa da vítima", destacan.
A sentenza considera como feitos probado que Juan Carlos e a súa vítima levaban sete meses de convivencia e que os feitos ocorreron o 7 de febreiro de cando el regresou ao domicilio familiar xunto coa filla dela, de dez anos. Entrou na cociña, onde estaban a súa parella e a súa curmá e logo dirixiuse ao dormitorio. Dado que se deu conta de que estaba molesto, a súa parella foi tras el.
Unha vez no dormitorio, comezaron a discutir e, nun momento dado, Juan Carlos, coa intención de causarlle a morte, agarrouna pola cara e virouna para deixar descuberto o pescozo. Entón, sacou un instrumento inciso para cravalo nesa zona e ela tentou defenderse agarrando a man na que levaba ese instrumento, pero non puido impedir que a cortase.
A muller comezou a berrar e a pedir auxilio e conseguiu librarse de Juan Carlos. Cando se apartou del, cravoulle o instrumento inciso no costado dereito, e ela caeu ao chan.
Alertadas polos berros da muller, a súa curmá e a súa filla acudiron ao dormitorio. Nun primeiro momento, non puideron abrir a porta, pero, ao insistir, lográrono e viron á muller tirada no chan sangrando. Juan Carlos díxolle á curmá: "queres que che dea tamén?" e ela marcouse coa nena. Mentres estaban alí, Juan Carlos saíu do domicilio e foi detido horas despois en Xinzo de Limia.