Carmela Silva: "eu teño moi claro que non podemos facer discursos de turismofobia"
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, insistiu en que "Rías Baixas é un destino seguro" e cargou contra a " turismofobia".
Carmela Silva destacou que nesta provincia o sector turístico é "potentísimo e xera unha gran actividade económica e moito emprego".
Ás 00:00 horas deste domingo día 21 de xuño de 2020 levántase o estado de alarma o que significa que os cidadáns poderán circular libremente entre autonomías, unha circunstancia que o sector turístico das Rías Baixas agarda coa esperanza de que este sexa un dos destinos vacacionais de moitos de españois.
"As persoas que nos veñan a visitar son ben recibidas", dixo a presidenta provincial, "eu teño moi claro que non podemos facer discursos de turismofobia".
Carmela Silva tamén apuntou que "cando o presidente da Xunta leva un mes ou máis pedindo a mobilidade interprovincial é que ten claro que hai garantía sanitaria".
En todo caso, fixo un chamamento á responsabilidade cidadá para cumprir coas recomendacións ditadas polas autoridades sanitarias #ante posibles rebrotes "porque o virus está aquí".
Ademais pide ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo que "tome decisións e dedique recursos" para "garantir" que "todas as medidas de seguridade están postas en marcha ao cento por cento".
Neste sentido, Carmela Silva destacou o "enorme esforzo" que fixeron o sector privado e os concellos e engadiu que "agora todo depende de todos nós" apelando á responsabilidade individual. "Agora cumprir coas normas aínda é máis importante", insistiu "é unha responsabilidade compartida por toda a sociedade".
PREMIO
O vídeo de promoción da campaña “Fame de experiencias” da Deputación de Pontevedra acada o seu sexto galardón a nivel internacional. Nesta ocasión trátase do Certificate Creative Excellence 2020 do US International Film Video Festival de Los Ángeles na categoría de "Produtos turísticos”.
Nesta ocasión, o audiovisual producido pola empresa Esmerarte comparte o recoñecemento con outros seis traballos procedentes de Austria, Dinamarca, Serbia, Viena, Eslovenia e cun de España.