A Deputación contratará catro brigadas para a conservación das estradas provinciais
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a contratación dun servizo de brigadas para ocuparse da conservación das estradas provinciais.
Segundo explicou en rolda de prensa a presidenta da Deputación, Carmela Silva con esta iniciativa "o que buscamos é mellorar este servizo de mantemento e optimizar os tempos de resposta" especialmente #ante incidencias e a atención durante ou inverno. A Deputación é titular de 1.700 quilómetros de viais provinciais.
A Deputación conta actualmente con cinco brigadas "que seguirán facendo a súa actividade a cargo de funcionarios" e agora sumaranse outras catro, "non hai ningún cambio, o único que se fai é mellorar e ampliar o servizo que prestamos", dixo Carmela Silva.
Estas catro brigadas que saen a contratación cubrirán os municipios de Silleda, Cerdedo-Cotobade, Forcarei, Ponte Caldelas, A Lama, Caldas de Reis, Valga, Cuntis, Ponche Cesures, Catoira, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Redondela, Soutomaior, Salceda de Caselas, Tui, Ponteareas, Salvaterra do Miño, As Neves, Mondariz, Mondariz balneario, A Cañiza, Covelo, Arbo e Crecente.
O orzamento previsto é de 3,5 millóns de euros para 3 anualidades.
Carmela Silva conta con que "imos conseguir unha xestión máis eficiente e máis sostible" ademais de ter a disposición "novos medios e maquinaria especializada", entre outras vantaxes que citou a presidenta. "Isto é unha boa práctica", engadiu.