Os gobernos de Moraña e Portas aclaran que abrirán os parques infantís "no prazo máis breve posible"
Por Redacción
Despois de asinar un comunicado con outros alcaldes da comarca de Umia no que se explicaba que estes municipios non abrirían os parques infantís porque "non se conta cos medios necesarios para garantir ao 100% o cumprimento das normas", este xoves os alcaldes de Moraña e Portas, Luisa Piñeiro e Ricardo Martínez, do Partido Popular, matizaron a súa posición.
Agora sinalan que a súa intención é abrir os parques infantís municipais "no prazo máis breve posible", unha expresión que é acompañada por unha explicación na que indican que a apertura será cando poidan cumprir con todas as medidas de seguridade sanitaria, cos protocolos da administración e os labores de desinfección e limpeza destas áreas para escolares.
Segundo explican, no seu encontro cos alcaldes de Cuntis, Caldas e Barro só acordaron o peche para todo o verán das piscinas municipais dos cinco Concellos. En relación cos parques infantís, Luisa Piñeiro e Ricardo Martínez, sinalan que a súa intención non é mantelos pechados durante todo o verán porque estes espazos contan con "moitas posibilidades de abrirse moi pronto, no marco da nova normalidade e cumprindo as directrices da Xunta".
Aclaran que estas zonas de xogo non precisan de tanta previsión como as piscinas, só requiren o establecemento dunha periodicidade de desinfección e duns protocolos que "podemos ter listos nuns días", afirman.
A alcaldesa de Moraña asegura que o goberno municipal está a traballar no acondicionamento dos seus 15 parques infantís e na regulación de fórmulas de seguridade coa intención de abrir "en breve prazo" e márcase un período de marxe dunha ou dúas semanas.
Relacionadas:
-
O Grove reabre os parques infantís tras comezar co programa de desinfección
Por Redacción |
-
Cuntis, Caldas, Portas, Moraña e Barro manterán pechados parques infantís e piscinas municipais todo o verán
Por Redacción |
-
Moraña mantén pechados os parques e retomará a feira quincenal de Santa Lucía
Por Redacción |