Abrir os parques infantís de Pontevedra custará 1.400 euros diarios

Por Redacción
Os traballos de limpeza e desinfección que o goberno galego obriga a facer se os concellos queren reabrir os parques infantís suporía un gasto de medio millón de euros en Pontevedra, é dicir, 1.400 euros diarios. Así o aseguran os edís Iván Puentes e Alberto Oubiña.
Desde o Concello, ademais de pedir que establezan uns criterios "claros" para realizar a "asepsia diaria" e o cálculo de aforo permitido, reclaman que a Xunta "non empaquete" aos concellos esta responsabilidade "e deixe de xogar coa saúde dos pequenos".
A resolución autonómica, explica o responsable de Medio Natural, obriga a desinfectar os parques infantís "de luns a domingo, xogo a xogo e en cada superficie", para o que Pontevedra tería que dispoñer de catro equipos de dúas persoas traballando de xeito simultáneo.
Tendo en conta as quendas e os períodos de descanso, o Concello estaría obrigado a contratar a doce persoas para dedicarse "exclusivamente" a este traballo, a maiores do custo dos materiais e dos produtos específicos "porque a Xunta non se refire a un simple baldeo".
Por iso, desde o servizo de Parques e Xardíns remitiron un escrito a Sanidade no que se lle solicita unha indicación "detallada" sobre os procedementos e produtos a empregar e sobre os criterios para calcular os aforos nestes equipamentos.
O Concello asegura que, se ben xa dispón dos dispensadores de xel hidroalcohólico para instalar nas áreas de acceso aos parques infantís, sería unha "irresponsabilidade" reabrir os parques sen uns "protocolos precisos" e saber, por exemplo, se debe ser obrigatorio o uso de máscara e luvas ou se chegaría con fixar unha distancia mínima de 1,5 metros.
Desde o goberno municipal insisten en que, tendo en conta que os requirimentos derivados da resolución implicarían un "elevadísimo" investimento, a Xunta debe aprobar axudas autonómicas para cubrir estes gastos.
"Semella que queren cargarlle aos concellos un problema que nin eles mesmos son capaces de xestionar para a apertura dos centros escolares, onde controlar un rebrote sería máis sinxelo, ao telos a todos localizados, cousa que non acontece nos parques", lamenta Alberto Oubiña.
RUEDA APELA A CRITERIOS SANITARIOS
A este respecto, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, aclarou que estes protocolos "non son esixencias" do goberno galego senón das autoridades sanitarias e trátase de medidas que van "en beneficio de todos".
"Se un concello decide non abrir os parques porque considera, polos motivos que sexan, esperar a que a situación se normalice máis é respectable", engadiu Rueda, que defendeu que a Xunta "aporta recursos" aos concellos a través de numerosos programas.
Entre eles, citou os máis de 120 millóns anuais do fondo de cooperación local que, afirmou o vicepresidente galego, "tamén se poden dedicar a iso se queren os concellos".
A Xunta, segundo Alfonso Rueda, "o que fixo foi poñer negro sobre branco" con respecto ao que sinalan os expertos en materia sanitaria para poder abrir os parques infantís. "Os que teñen a competencia para abrilos ou non poden decidir o que proceda", engadiu.
"Ao final é unha cuestión de prioridades", concluíu o vicepresidente da Xunta.
Relacionadas:
-
Risas e xogos regresan, por fin, aos parques infantís de Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Os parques infantís de Pontevedra abrirán a partir do luns
Por Redacción |
-
A nova normalidade sáelle máis cara ao departamento de Parques e Xardíns
Por Redacción |
-
Comeza a posta a punto dos parques infantís do rural pontevedrés
Por Redacción |
-
Poio reabre progresivamente os parques infantís
Por Redacción |
-
Pontevedra concederá axudas económicas a autónomos e 'micropemes'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O PP critica que os parques de Pontevedra sigan pechados unha semana despois e denuncia "incapacidade para articular medidas"
Por Redacción |
-
O Grove reabre os parques infantís tras comezar co programa de desinfección
Por Redacción |
-
Os socialistas critican á Xunta por abrir os parques infantís sen contar cos concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Poio tampouco abrirá os parques infantís este luns e aposta por facelo de "xeito gradual e progresivo"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez acusa o Concello de "falta de previsión" na apertura dos parques infantís
Por Redacción |
-
Pontevedra decide manter pechados unha semana máis os parques infantís
Por Redacción |