A mellora viaria do histórico Camiño do Quinteiro encara a fase final
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade xa afronta a fase final das obras de mellora viaria do histórico Camiño do Quinteiro, na parroquia de Tomonde, en Cerdedo-Cotobade.
Esta actuación inclúe o ensanchamento, actuacións de embelecemento e preservación de elementos patrimoniais e ten un orzamento de 100.481 euros.
A obra comezou a mediados de febreiro, pero tivo que paralizarse durante dous meses como consecuencia do estado de alarma pola crise sanitaria do coronavirus ata a súa reanudación o pasado mes de maio.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro visitaron as obras acompañados por veciños de Tomonde e indicaron que a actuación afronta a súa fase final e quedará concluída nas vindeiras semanas.
O proxecto contempla o arranxo dos 150 metros do camiño e o seu ensanchamento ata os 8,50 metros e tivo certas modificacións para minimizar o impacto nas contornas de protección de diversos elementos catalogados pola Dirección Xeral de Patrimonio.
O Concello incorporou a este proxecto a creación dunha zona verde e de lecer que estará acondicionada coa dotación de céspede artificial, catro árbores de sombra e un banco de formigón con asentos en madeira tratada.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade destacou a importancia desta actuación "xa que nos permite recuperar a historia e as tradicións desta parroquia co máximo respecto e coidado patrimonial ao tempo que outorga unha gran utilidade á mobilidade e ás comunicacións internas da zona xa que ofrece saídas e alternativas de tránsito moi funcionais".