Inxección de máis de 860.000 euros ao saneamento de Marín
Por Redacción
A Xunta de Galicia investirá 866.493,57 euros euros nas obras de mellora da rede de sumidoiros no lugar da Miñán- A Esperela de Marín, unha actuación da que a Administración autonómica sinala que "suporá unha importante mellora no saneamento desta localidade".
Os núcleos de Miñán, A Troncosa e A Esperela disporán dunha infraestrutura de saneamento que lles permitirá conectarse coas redes municipais de saneamento xa existentes máis próximas, como é a da parroquia de San Tomé de Piñeiro ou á da parroquia de O Campo.
As obras comezarán durante este mesmo ano 2013 e estarán finalizadas no primeiro trimestre de 2014. Unha vez rematadas, será responsabilidade do Concello asumir a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns a súa licitación e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou o Concello de Marín para informar deste trámite a alcaldesa, María Ramalllo.
Segundo apuntou Cores Tourís, "con esta actuación, a poboación beneficiada ascenderá no futuro a case 450 habitantes". Trátase da cuarta obra que se licita das actuacións recollidas no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o concello de Marín e que implica un total de sete actuacións que suman un importe de máis de 5,6 millóns de euros de investimento da Xunta.
As obras complétanse con pozos de rexistro, pozo aliviadoiro, pozo de bombeo, grupos motobombas, liña e conexións eléctricas, cadro eléctrico, estación remota de control e coa reposición dos pavimentos afectos pola ubicación do colector ramais e impulsión. As trazas do colector, dos ramais e da impulsión están inmersas en infraestruturas de camiños municipais, de estradas provincias e da estrada autonómica PO-313.