A Orquestra Panorama cancela a súa xira polo coronavirus
Por Oskar Viéitez
A Orquestra Panorama comunicou de maneira oficial na súa páxina de Facebook que "cunha tristeza que nos invade enormemente, os anunciamos que cancelamos a xira 2020".
O equipo que forma a Panorama explica que xa intuían desde hai varias semanas "que ía ser moi difícil que puidésemos realizar a xira co problema sanitario tan grave que temos nestes momentos en todo o país", xa que ese é o motivo que lles leva a tomar esta decisión.
Os protocolos sanitarios para as actuacións musicais, as verbenas e os espectáculos en vivo en xeral, van requirir controis de aforo, distanciamento social e mesmo distanciamento entre os propios artistas no escenario.
Neste sentido, o equipo da Panorama considera "un acerto" que a Xunta de Galicia non desaconsellase celebrar as festas populares este verán, como si fixeron outras Comunidades Autónomas, e que se estea acordando un protocolo que indique como se poden realizar as actuacións musicais.
Con todo, a Orquestra Panorama ten a "inmensa fortuna" de reunir nas súas actuacións a milleiros de persoas "que participan do noso espectáculo bailando, saltando, abrazados, cóbado con cóbado" algo que a nova normalidade non permite realizar, "o cal agrava a situación ata o punto de que máis do 90% das comisións e concellos que nos contrataban, teñen aprazado ou cancelado as actuacións".
"É algo que comprendemos no contexto sanitario no que nos atopamos" pero que no seu caso fai "totalmente imposible poder realizar a xira con menos de 15 actuacións".
Ademais, desde o equipo da Panorama aseguran que "nós tampouco queremos ser partícipes de posibles aglomeracións" que se puidesen dar nos propios recintos nos que fosen actuar e coinciden en que nesas condicións "non sería o noso espectáculo, pois o fervor e a entrega do noso público son vitais" polo que tamén descartan a posibilidade de deseñar un espectáculo nunha formación de menos compoñentes e cun repertorio máis "relaxado" xa que "non sería a Panorama".
O equipo da Orquestra Panorama tamén traslada unha mensaxe de ánimo a todos os compañeiros de profesión "un dos sectores máis danados por esta pandemia" e do que dependen "miles de familias que vivimos das festas populares". A todos eles lémbranlles que "estó pasará e o público nos estará a esperar con máis ganas que nunca" á vez que instan as autoridades a non esquecerse do sector.
Relacionadas:
-
Sanxenxo estrea unha "verbena piloto" con cita previa, público sentado e con máscara
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra quere que a Xunta aclare como se poden retomar as verbenas e festas populares
Por Oskar Viéitez |
-
Galicia, abocada a un verán sen verbenas: "É un desastre", afirman as orquestras
Por Alejandro Espiño |