A Aula CEMIT de Poio retoma a súa actividade a partir do luns
Por Redacción
Logo do seu peche o pasado mes de marzo, con motivo do decreto do estado de alarma pola crise sanitaria da Covid-19, a Aula Cemit de Combarro, situada na Escola do Campo, reabre as súas portas. Será o vindeiro luns, 22 de xuño, cando se retome a actividade nestas dependencias, en horario de 8.00 a 15.00 horas e respectando as medidas de seguridade e distanciamento decretadas polas autoridades.
A aula mantén o convenio asinado no seu día coas tres universidades de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), a través do cal as instalacións poden ser utilizadas por estudantes universitarios para poder realizar os seus exames académicos de xeito telemático. Trátase dunha iniciativa impulsada para ofrecer puntos de conexión estable a aqueles mozos que non dispoñen dunha conexión a Internet axeitada para poder desenvolver estas probas con normalidade.
En principio, estas probas poderanse desenvolver ata o 26 de xuño, entre as 9.30 e as 13.30 horas. A aula permanecerá aberta ao público en xeral entre as 8.00 e as 9.30 horas, mentres que no seu tramo final, de 13.30 a 15.00 horas, terán preferencia persoas en colectivos vulnerables.
Os responsables da Aula Cemit informan de que o aforo quedará reducido a catro persoas durante os meses de xuño, xullo e agosto, sendo necesario solicitar unha cita previa para a utilización das instalacións.
Esta xestión pódese realizar enviando un correo electrónico á dirección cemit.poio@xunta.gal ou chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1321). O horario de atención ao público é de 10.00 a 11.30 horas, se ben a partires do vindeiro luns pasará a ser xa de 8.30 a 14.30 horas.
O 29 de xuño empezarase a retomar a actividade normal, coa opción de reservar en xullo un día por semana para a realización de exames. Cómpre lembrar que a Aula Cemit mantivo o seu servizo activo durante o confinamento, de xeito telemático, resolvendo dúbidas a usuarios e impulsando algunhas iniciativas e tutoriais.