O Grove ve "inexplicable" que a Xunta os exclúa do plan de transporte de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
Para o Concello do Grove resulta "inexplicable" que a Xunta de Galicia lles excluíra do plan de transporte público da área metropolitana de Pontevedra e esixen que se corrixa esta eiva e evite unha "nova discriminación" con este municipio.
O goberno municipal lamenta que os mozos e mozas do Grove non se poidan beneficiar da denominada tarxeta Xente Nova para usar de balde o transporte público.
O mapa deseñado pola Xunta, sinalan desde O Grove, "non ten sentido" e está afastado de "todo razoamento lóxico", xa que apuntan que Sanxenxo si está incluído neste plan, a pesar de que o servizo regular de transportes no que poderán viaxar é a liña O Grove-Pontevedra.
O Concello lamenta que os responsables autonómicos "deixen fóra" deste programa á mocidade do Grove "por unha diferenza de apenas seis quilómetros".
Ademais, apuntan a que este reparto provocará que os mozos do Grove que collan o autobús teñan que pagar o traxecto mentres que os que soben "uns minutos despois" non o fagan.
A aplicación da denominada área metropolitana de Pontevedra, engade o goberno municipal, "resulta interesada e fóra de razoamento lóxico", polo que agardan unha rectificación.
A área metropolitana deseñada pola Xunta para o plan de transporte público abarca, xunto con Pontevedra como núcleo de referencia, a Poio, Sanxenxo, Ponte Caldelas, Marín, Vilaboa, Soutomaior, Bueu, Barro, Moraña, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e A Lama.
Relacionadas:
-
Pontevedra-Marín e Pontevedra-Sanxenxo, as viaxes en autobús máis demandadas polos menores coa tarxeta ‘Xente Nova’
Por Redacción |
-
Os menores de 21 anos da área de Pontevedra xa viaxan de balde no transporte público
Por Redacción |
-
A tarxeta Xente Nova comezará a emitirse este mércores nos concellos da área de Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Ethel Vázquez aborda co sector do transporte a inmediata posta en marcha da Tarxeta Xente Nova
Por Oskar Viéitez |