Rajoy inaugurará o curso político, un ano mais, desde o Castelo de Soutomaior
Por Redacción
Pontevedra é a elixida, un ano máis, por Mariano Rajoy para inaugurar o curso político. O presidente do Goberno presidirá o vindeiro sábado 31 de agosto o tradicional acto co que os populares retoman a súa actividade. Será no Castelo de Soutomaior. Así o adiantou este luns o presidente do PP provincial, Rafael Louzán, que anunciou que a dito acto prevese que acudan máis de mil persoas entre cargos políticos do partido e militantes.
Louzán asegurou sentirse moi satisfeito de que, unha vez máis, este acto que marca o reinicio da actividade política despois do período estival, "se faga desde a provincia de Pontevedra". Destacou que "como responsable a nivel provincial do PP, que o presidente do goberno de España e de Galicia elixan este marco magnífico para o inicio do curso político é unha satisfacción".
Este acto político chega, segundo Rafael Louzán, "nun momento no que comeza a haber certos signos dunha melloría económica que, aínda sen que sexa posible falar dunha recuperación económica inmediata, si son alentadores e amosan que nos atopamos non bo camiño e que, co esforzo de todos, iremos saíndo pouco a pouco desta crise".
Os datos do paro, con cinco meses consecutivos de baixada a nivel nacional, é un dos indicadores que o presidente provincial do PP sinalou como indicativo desta melloría. A eles, sinalou, hai que sumar outros como a prima de risco, as contas da Seguridade Social ou a moderación no ritmo de contracción da actividade económica.
Neste sentido, sinalou que se trata dun panorama "claramente mellor" que o que marcou o inicio do curso político dos últimos anos, "froito do compromiso e das medidas do actual goberno e da responsabilidade conxunta de todos", concluíu Louzán.