Os arquitectos colaborarán co Concello para axilizar as licenzas urbanísticas
Por Alejandro Espiño
Crear unha "autopista" para que toda a documentación técnica necesaria para solicitar unha licenza chegue antes aos servizos urbanísticos. É o obxectivo do convenio de colaboración que asinará o Concello coa delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Pontevedra.
Ambas as partes utilizarán unha plataforma de interoperatividade mediante a cal os proxectos serán visados dixitalmente, evitando que a documentación teña que ser presentada de maneira presencial nas dependencias municipais.
Este sistema, que a través do organismo colexial xa se aplica noutras grandes cidades galegas, permitirá aos técnicos do Concello, tras a autorización dos autores do proxecto, entrar na plataforma do COAG e acceder a toda a documentación técnica.
Anselmo Villanueva, presidente dos arquitectos pontevedreses, explicou que esta plataforma contribúe ademais a " garantir a identidade" dos autores do proxecto e a "integridade" documental, facendo que o proceso sexa "máis áxil e transparente".
Ademais, permite que todos os servizos do Concello poidan acceder á mesma información, contribuíndo a que non se produzan atrasos "se alguén se esquece dun documento" ou se diferentes técnicos solicitan trámites distintos, matizou Villanueva.
Desta ferramenta poderán beneficiarse tanto as licenzas de construción de obra nova, as obras de rehabilitación ou a apertura de establecementos, sempre que sexan actuacións que requiren ser visadas, segundo corroborou o edil de Urbanismo, Xaquín Moreda.
No caso de Pontevedra, explicou o presidente da delegación do COAG en Pontevedra, as licenzas tramítanse "con relativa axilidade", aínda que apuntou que "é certo que poderían ir máis rápido", polo que engadiu que "estamos para axudar niso".
Xaquín Moreda enmarcou este convenio de colaboración, que se asinará nas próximas semanas, ao compromiso do goberno municipal na modernización da administración, un proceso que en materia urbanística comezou hai máis de dous anos.
Á posta en marcha dun servizo de consulta telefónica, que recibiu 569 chamadas, e a ferramentas dixitais como a sede electrónica ou esta nova plataforma, o Concello sumará un sistema de cita previa que se está deseñando para organizar consultas presenciais cos técnicos.
Relacionadas:
-
Crece o interese en Pontevedra por rehabilitar vivendas no rural
Por Alejandro Espiño |
-
Os arquitectos ven "eivas" no PXOM de Pontevedra pero optan por facer un "lifting" ao actual
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- A experiencia do confinamento faranos priorizar a "riqueza espacial" e "vivendas adaptadas para o teletraballo"
Por Redacción |
-
O campo de fútbol de Campañó, finalista nos Premios FAD de Arquitectura e Interiorismo
Por Alejandro Espiño |
-
Identifican 802 elementos que 'desentoan' coa paisaxe urbana de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |