O 6 de xullo comezará a recollida de residuos para compostar no centro histórico e no ensanche da cidade
Por Anxo Lourido
O concelleiro responsable de residuos Raimundo González sinalaba que o 6 de xullo darase o "chupinazo" de saída á recollida de residuos para compostar na zona do centro histórico e do ensanche de Pontevedra ata San Antoniño.
Desde este luns iniciáronse as visitas para sensibilizar á poboación que se verá afectada por esta campaña piloto de compostaxe para estas zonas. Durante as visitas a restaurantes, cafeterías, froiterías, supermercados e outros establecementos de produtos singulares situados na contorna da Alameda e Paseo de Colón, 23 dos 27 empresarios consultados adheríronse á participación neste plan solicitando contedores de 45 ou de 90 litros para depositar os residuos, segundo informou o concelleiro.
Está previsto que durante dúas semanas se realicen estas visitas polos establecementos comerciais ofrecendo información sobre este novo sistema e a partir de primeiros de xullo, as visitas realizaranse a 3.500 domicilios particulares para que aquelas persoas que voluntariamente se queiran sumar a este proxecto soliciten o seu depósito caseiro de 7 litros, bolsas reciclables para compostar e unha tarxeta que, a través dunha chave electrónica, será necesaria para utilizar máis de 60 contedores que se situarán nas rúas para materia orgánica.
Desta forma, o luns 6 de xullo comezaría esta nova recollida de residuos orgánicos por parte do camión de Ferrovial Servizos, empresa adxudicataria desta actividade á que este luns, a Xunta de Goberno aprobaba a modificación do contrato para implantar todo o operativo da instalación dese quinto contedor para o roteiro experimental deseñado polo Concello de Pontevedra. A adxudicación é por unha cifra de 540.000 euros durante o primeiro ano, que se rebaixa a 458.000 durante o segundo. Estas cantidades inclúen os 99.000 euros polo tratamento dos residuos, segundo explicou Raimundo González, que se marca a recollida a través deste sistema de 2.000 toneladas anuais.
A empresa adxudicataria está a negociar aínda a planta de compostaxe para o tratamento dos residuos. Segundo avanzaba o concelleiro probablemente destínese a unha planta situada na contorna do Carballiño. O compost que se elabore neste centro non regresará a Pontevedra polo momento. O concelleiro indicou que no futuro "xa se verá" atendendo a como funcione o sistema.
Relacionadas:
-
Pontevedra desprega os contedores marróns para a compostaxe domiciliaria
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A compostaxe comunitaria chega esta semana a Campolongo
Por Redacción |
-
187 establecementos do centro da cidade súmanse ao Plan Composta
Por Redacción |
-
Implantan en Pontevedra un proxecto piloto para impulsar a compostaxe doméstica
Por Alejandro Espiño |