Adxudicadas as obras para crear a senda peonil na estrada PO-233 ao seu paso por Cotobade
Por Redacción
Nunhas semanas comezarán as obras de construción da nova senda peonil na estrada PO-233 en Cotobade. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicaba este luns 15 estes traballos á empresa Escavacións e Construcións Manuel Pérez Portela.
O importe da actuación ascende a preto de 48.000 euros e o prazo para executala redúcese a dous meses. A iniciativa busca facilitar o percorrido da veciñanza por esta contorna garantindo a súa seguridade.
Segundo a Xunta, este tramo actualmente carece dunha zona de circulación peonil que sexa independente á circulación de vehículos. A senda prevista realizarase con formigón cunha capa de 10 centímetros de grosor. Contará cun ancho mínimo de dous metros, sempre atendendo ao espazo que se atope dispoñible.
Nos quilómetros previos existen obras de drenaxe transversal e a previsión é que se prolongue o colector ou as tubaxes baixo esta senda peonil.