Critican o abandono da Ponte de Segade sobre o Umia
Por Redacción
A asociación Umia Vivo volve alertar sobre a situación doutra peza do patrimonio fluvial en Caldas de Reis. Neste caso trátase de Ponte de Segade, unha construción que atravesa o río Umia no lugar de Segade.
Desde este colectivo de defensa destes elementos arquitectónicos afirman que trasladaron a súa demanda a Augas de Galicia tanto polo estado desta ponte como polo de Portugalete.
En 2008, a ponte de Segade foi retocado dentro dun proxecto sobre actuacións brandas de recuperación de recursos patrimoniais históricos cun orzamento total de 275.000 euros. Desta cantidade destinábanse 2.394 á mellora da construción de Segade para limpar e repoñer elementos de pedra do petril que desaparecera anos atrás.
A asociación afirma que, desde fai xa máis dunha década, este espazo quedou en estado de abandono e o acceso principal converteuse nunha entulleira de lixo. Ademais en 2011 sufriu unha nova agresión na estrutura ao aparecer unha peza do petril no leito do río Umia. A esa peza hai que sumar outras dúas que tamén se descubriron no río durante 2019.
O concelleiro de Medio Ambiente de Caldas anunciou un proceso de mellora para esta ponte. Con todo, Umia Vivo quéixase de que non se fale de recuperar as pezas do petril para repoñelas nin tampouco se contemplen un plan de coidados e de mantemento da vexetación da contorna coa retirada de lixo, a instalación de sinais e a consolidación dos carreiros próximos.
A asociación espera que se acometa canto antes a roza da leira da central de Segade para consolidar o carreiro a través da antiga canle ata a ponte. O colectivo Umia Vivo afirma que, a pesar da afluencia de peregrinos a esta zona, o Concello é incapaz de ampliar a oferta de elementos visibles do municipio para que se reparta o público visitante entre diferentes espazos.
Relacionadas:
-
VÍDEO- O SCD Salcedo denuncia un vertedoiro ilegal na contorna do campo de fútbol da parroquia
Por Redacción |
-
Un estudo identifica 178 especies diferentes nos ríos Umia e Bermaña
Por Oskar Viéitez |
-
Lamentan o desprezo do Concello e da Xunta ante o deterioro que presenta a ponte de Portugalete
Por Redacción |
-
Piden a limpeza das zonas de petróglifos en Vilagarcía
Por Redacción |
-
Denuncian danos nunha mámoa en Monte Xiabre
Por Oskar Viéitez |