Reducir o consumo de auga e controlar os residuos, obxectivos do Concello para as praias de Marín neste 2020
Por Redacción
Marín está a se sumar ao modelo de xestión ambiental do EMAS para as súas praias. O EMAS é unha ferramenta que se desenvolve, de maneira voluntaria, entre estados que integran a Unión Europea e que permite establecer un sistema comunitario para xestionar e avaliar os comportamentos ambientais e que chegue ás persoas que utilizan os arenais
Entre as actividades que se recollen dentro deste sistema de xestión ambiental se atopan a seguridade, o rescate e primeiros auxilios, a limpeza e recollida de residuos, mantemento das instalacións, iniciativas de lecer e servizos hixiénicos. Tamén se ten en conta o material dos equipos municipais que ofrecen servizo ás praias.
A intención deste instrumento de regulación dos espazos é que se reduza a contaminación tanto nos areais como na contorna e para iso tense en conta tanto as actividades de xestión das praias como os efectos que ten o uso destes espazos naturais por parte das persoas que acudan.
A concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín e a responsable de Turismo no Concello de Marín, Cristina Acuña mantiveron encontros durante os últimos días para establecer as medidas para garantir a seguridade ante a pandemia e a posta en marcha de traballos que ofrezan a mellor imaxe das praias.
Entre as liñas que se van a traballar destaca o incremento da sustentabilidade, de forma que se reduza o consumo de auga nas praias. Para iso sensibilizarase á poboación da necesidade de facer un uso responsable coa instalación de carteis e ademais manterase un control das perdas que se produzan na rede hidráulica.
Tamén se mellorará a segregación dos residuos que se xeren nas praias cun incremento da recollida selectiva de lixo. O Concello de Marín quere concienciar aos usuarios de que non poden deixar residuos abandonados e que deben depositar cada material no seu correspondente contedor.
Ademais, estableceranse protocolos de traballo do persoal de socorrismo nos areais e das actividades de limpeza axustándose ao establecido pola regulación neste apartado para evitar contaxios da Covid-19.