Os vendedores de cupóns da ONCE volven á actividade tras o estado de alarma
Por Redacción
Preto de 19.000 vendedores da Organización Nacional de Cegos (ONCE) retomaban este luns 15 de xuño a actividade de venda de cupóns en toda España, unha vez pasados os momentos máis duros da pandemia provocada pola Covid-19.
Na provincia de Pontevedra tamén volvían aos seus postos 230 vendedores, dos 700 que a organización ten en Galicia. Un deles é Ramón Bertolo Díaz, que leva 15 anos no seu lugar de venda situado na rúa Michelena, nas proximidades de onde se atopan as oficinas do Concello.
Precisamente o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces foron os primeiros en adquirir un cupón no seu posto nesta volta á actividade. Tamén se achegou ata o posto o director da axencia da ONCE en Pontevedra, Eloy Hermelo. O alcalde Fernández Lores afirmaba que cando se compra un cupón da ONCE tamén se está colaborando co seu labor social.
Ramón Bertolo, como os outros 20 vendedores de cupóns na cidade, conta coas necesarias medidas de seguridade e de prevención esixidas polas autoridades sanitarias: pantalla, xel desinfectante, luvas e máscaras protectora.
CRÍTICAS DE LORES A INCONGRUENCIAS DA "NOVA NORMALIDADE"
O alcalde de Pontevedra tamén aproveitou para mostrarse crítico con algunhas cuestións relacionadas coa "nova normalidade". Reclamou que se resolvan incongruencias e que se concreten determinados aspectos da normativa establecida.
Fernández Lores lamentaba que falten moitos aspectos por clarificar. "Pasamos da Fase 3 á nova normalidade pero non sabemos moito en que consiste, hai certas incongruencias, cambios en porcentaxes de ocupación, e non nos parece moi serio todo isto", apuntou o máximo representante local.
Nesta mesma liña criticou que se ofrezan unhas instrucións pero non se derroguen decretos anteriores, algo que entende que "é incongruente e vai ser complicado resolver". Tamén manifestou o seu malestar á falta de previsión da Xunta de Galicia e, a continuación, fixo referencia aos parques infantís ou ás medidas de funcionamento dos colexios electorais. "Primeiro mandan un decreto co que hai que cumprir nos colexios electorais e despois vén un inspector da Xunta e válenlle todos", denunciou o rexedor da capital.