Habilitan na Casa Azul un servizo con cita previa para axudar a tramitar as solicitudes do Ingreso Mínimo Vital
Por Redacción
A Seguridade Social abrirá este luns 14 de xuño o prazo para presentar as solicitudes do novo Ingreso Mínimo Vital, a través da súa web www.seg-social.es, e ante esa circunstancia Pontevedra habilitou un servizo para axudar ás persoas que pretendan acceder á prestación e carecen de medios tecnolóxicos ou acceso a internet.
Este servizo instalarase na aula informática da Casa Azul sempre baixo cita previa.
Unha traballadora municipal encargarase de asesorar aos usuarios sobre as características da prestación do Estado e os pasos para seguir para xestionar as solicitudes, resolvendo as dúbidas e confusións que poidan xurdir, mentres que un informático dará asistencia de carácter técnico, segundo explica a concellería de Benestar Social.
"Asesoraremos, mediante cita previa, a todo aquel que o precise. O Ingreso Mínimo Vital é unha prestación histórica, que ademais é compatible con outras como a Risga, e imos facilitar ao máximo a súa tramitación", sinala a concelleira Paloma Castro.
A cita previa pode solicitarse chamando ao teléfono 986 80 43 00 (extensión 7458).