Pontevedra decláralle a guerra aos gansos do Nilo
Por Redacción
Os pontevedreses afixéronse a atoparse en distintos espazos da cidade exemplares de gansos do Nilo. Nalgunha ocasión chegaron mesmo a paralizar a actividade en pleno centro da cidade en época de cría, aínda que é máis habitual velos noutros espazos naturais.
A realidade é que se trata dunha especie catalogada como invasora segundo o Catálogo Español de Especies Exóticas Invasoras, e que na Boa Vila foi aumentando nos últimos anos a súa poboación ata os 14 exemplares dos que se ten constancia na actualidade (tres parellas adultas e oito gansos mozos), establecidos na contorna da praia fluvial, a desembocadura do Gafos e a Praza de San Xosé, así como un niño localizado en Augusto González Besada.
Por ese motivo e despois de que o Servizo de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, mediante un escrito remitido o pasado 5 de marzo, chamase a atención ao Concello sobre o perigo da súa reprodución no municipio", o goberno local decidiu tentar atallar o problema.
Así a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha unha campaña de control desta especie, que consiste na retirada dos gansos por parte da firma especializada Larus Control, que os trasladará ao seu centro zoolóxico.
"Aínda que ninguén dubida de que son unha especie moi fermosa, o seu comportamento dominante e agresivo con outras aves provoca o desprazamento de especies autóctonas, chegando nalgúns casos á súa extinción", sinalou respecto diso o concelleiro Iván Puentes. Ademais "algunhas investigacións apuntan ao risco potencial de contaminación de augas por mor das súas deposicións en zonas de lecer e á posibilidade de converterse en transmisoras de enfermidades como a gripe aviaria", sinalou o edil.
A campaña, que está previsto repetir anualmente, desenvolverase durante tres meses, e a captura das aves efectuarase mediante diferentes sistemas de trampeo nas súas zonas de alimentación e descanso, esencialmente as ribeiras dos ríos, evitando na medida do posible a tensión dos animais. Tamén se aplicarán técnicas de control de natalidade consistentes na procura e retirada de niños e ovos.
Relacionadas:
-
Negocian o traslado dos gansos do Nilo a un centro ornitolóxico para evitar a súa "eutanasia"
Por Redacción |
-
A familia dos gansos do Nilo, de paseo cara o Gafos facendo uso do paso de peóns
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Os gansos do Nilo pasean por Pontevedra para amosar a cidade ás súas novas crías
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
VÍDEO.- A familia gansa sae de paseo
Por Redacción |
-
Volveu pasar: os gansos saen pasear por Benito Corbal
Por Redacción |
-
VÍDEO.- Unha familia de gansos revoluciona Benito Corbal
Por Diego Espiño & Mónica Patxot |