Piden 7 anos de prisión para un home acusado de vender droga nas inmediacións de Pasarón
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia de Pontevedra sinalou para o vindeiro xoves 18 de xuño o xuízo contra un home acusado de vender droga nas inmediacións do Estadio de Pasarón. O Ministerio Público demanda que sexa condenado a sete anos de cárcere e ao pago dunha multa de 800 euros.
O caso procede do Xulgado de Instrución número 3 de Pontevedra.
O acusado M.C.E., xa fora condenado por sentenza firme de en abril de 2015 por un delito contra a saúde pública á pena de 1 ano e 10 meses de prisión que lle foi suspendida.
Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, o día data 26 de febreiro de 2019 nas inmediacións de Pasarón a Policía Nacional sorprendeu a M.C.E. vendendo dúas bolsas de cocaína cun peso neto de 1,724 g e unha riqueza do 78,21% e polas que recibiu a cantidade de 100 euros.
Ao día seguinte, de novo sorprendéronlle en posesión doutras dúas bolsas de cocaína cun peso neto de 0,872 g e unha riqueza do 78,47%. Segundo o Ministerio Público estas substancias "eran posuídas polo acusado para a venda ou distribución a terceiros" e tiñan un valor no mercado ilícito de 181 euros.
Ao concorrer no acusado a circunstancia agravante de reincidencia a Fiscalía considera que procede impoñerlle a pena de 7 anos de prisión e multa de 800 euros, con 30 días de responsabilidade persoal subsidiaria en caso de falta de pagamento.