O CIM de Poio ofreceu información a máis de 90 mulleres durante o confinamento
Por Redacción
O Centro de Información á Muller (CIM) de Poio mantivo a súa actividade a pleno rendemento durante o estado de alarma decretado pola crise sanitaria da Covid-19.
Desde o pasado 14 de marzo, o departamento municipal prestou diferentes servizos de atención a unhas 90 persoas aproximadamente. A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, explica que "modificamos algunhas cuestións para poder continuar atendendo á cidadanía nas circunstancias tan especiais que derivaron do confinamento".
Deste xeito, segundo informou o Concello, ben a través da vía telemática ou por teléfono (e tamén, en casos moi concretos, de xeito presencial, respectando todas as medidas hixiénicas e de distanciamento correspondentes), ofreceuse atención, tanto psicolóxica coma xurídica, a preto dun cento de mulleres, 14 das cales son usuarias novas, que precisaron tanto da tramitación de prestacións para paliar a súa situación como unha atención continuada e de seguimento do seu estado emocional.
Ademais, Díaz explica que 35 veciñas acudiron tamén ao CIM por atoparse en situación crítica. De xeito presencial, asemade, atendéronse dúas prestacións periódicas para vítimas de violencia de xénero, así como dous bonos de alugueiro e cinco Rendas Activas de Inserción para vítimas de agresións machistas. A maiores, tramitáronse catro teléfonos de tele-asistencia móbil.
A concelleira de Igualdade destaca a implicación das técnicas que traballan neste departamento, que "desde o primeiro momento adaptaron métodos de traballo e horarios para responder ás necesidades das usuarias neste contexto excepcional".
"O confinamento", prosigue Silvia Díaz, "provocou o aumento de situacións de risco naqueles fogares nos que mulleres, nenos e nenas se viron na obriga de convivir por tempo máis prolongado cos seus agresores. A isto hai que engadirlle o desamparo das vítimas, ao non poder contar co apoio e protección da súa familia ou das súas amizades, como podería ter sucedido en circunstancias normais".
Así mesmo, salienta que a todo isto hai que sumarlle factores como a perda de oportunidades laborais e de proxectos de futuro como consecuencia da crise sanitaria, o que "agudizou a inseguridade das vítimas".
"Estivemos e seguiremos estando ao seu carón para ofrecerlles toda a axuda que precisen", indica a titular de Igualdade, que tamén fai fincapé na necesidade de seguir apostando pola educación e a concienciación "para erradicar desigualdades de xénero".
Relacionadas:
-
Poio tivo en 2019 a segunda renda por vivenda máis alta da provincia de Pontevedra
Por Redacción |
-
Axentes da Policía Local de Poio deteñen un home de 27 anos acusado de agredir a parella na rúa
Por Redacción |
-
A Deputación asina tres novos convenios para a promoción da igualdade e a loita contra a violencia machista
Por Redacción |
-
O martes aprobaranse bonificacións a autónomos de Poio que certifiquen a inactividade no confinamento
Por Redacción |
-
Xa está aberto o prazo para presentar carteis ao #SanXoanPoio2020, o concurso virtual das festas
Por Redacción |
-
"Somos un equipo de Goberno coherente e, aínda que con visións distintas, isto enriquécenos"
Por Oskar Viéitez |
-
O CIM segue atendendo por teléfono todas as citas e xestións das súas usuarias
Por Redacción |