A Deputación pretende modificar as oposicións para premiar as competencias e non a memorización
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera, compareceron este venres en rolda de prensa para anunciar a súa intención de modificar o sistema de oposicións para premiar as competencias e non a memorización.
Carmela Silva explicou que este proxecto nace de "un estudo moi profundo" e "moi ben argumentado" que pretende "responder as necesidades dunha administración moderna do século XXI" ligada aos recursos humanos.
É unha "extraordinaria idea" que, segundo Carmela Silva, tamén servirá para outras administracións locais "que a tomarán como referencia".
Trátase dunha proposta que César Mosquera leva madurando durante moitos anos froito da súa experiencia de máis de trinta anos na Deputación.
Mosquera admitiu que nos últimos anos avanzouse na equidade no acceso ao traballo público, con todo advertiu de que "estamos mal" nos procesos selectivos porque son probas "terriblemente memorísticas" e non están adaptadas ao perfil de competencias. Por iso avoga por un proceso "moito máis rigoroso, máis científico e ecuánime".
Dito doutra maneira, "non pode depender da sorte un proceso selectivo" respecto a se tocou no exame o tema que o opositor se sabía. "Prémiase a memorización e nós queremos premiar as competencias", indicou.
Así, a Deputación de Pontevedra contratará a dúas persoas, que serán funcionarios interinos, para que durante tres anos redacten unhas bases, asesoren aos concellos e tribunais de oposicións e elaboren material para que os procesos selectivos melloren.
O programa chamouse "TrOpos" un xogo de palabras que vén de tr(ansformar) e OPOS(iciones). A intención de César Mosquera é que en dous meses estea a funcionar e os concellos se adhíran á iniciativa.
"Persoalmente para min é un gran día porque é algo co que levo moitos anos" comentou Mosquera xa que ata agora "estase medindo a capacidade de chapar ou de pagar unha academia" un sistema que "a falta de medios e as inercias fixeron que non avanzase".