Máis xestións telemáticas e hixiene extra no voto por correo das primeiras eleccións post Covid-19
Por Redacción
As eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo, as primeiras tras a excepcional situación sanitaria xerada pola pandemia da Covid-19, chegarán con cambios en canto ao voto por correo, que se adapta á nova era con máis xestións telemáticas e medidas de hixiene.
Os electores que decidan votar por correo poden solicitar ata o día 2 de xullo o Certificado da súa inscrición no Censo Electoral. A obtención deste certificado é requisito imprescindible para poder emitir o voto por correspondencia e pode solicitarse, como ata o de agora, en calquera oficina de Correos de España e este ano, por primeira vez, por vía telemática a través da web www.correos.es.
A solicitude de voto por correo pode realizarse en todas as oficinas de Correos de España e, por primeira vez, tamén a través da mesma web de Correos sen ter que acudir en persoa a unha oficina postal. Ambos os trámites teñen de prazo ata o 2 de xullo.
Neste novo modelo de solicitude, que evita desprazamentos e minimiza o contacto social, os interesados deben acreditar a súa personalidade mediante firma electrónica, aceptándose como sistemas de identificación válidos os certificados de persoa física recoñecidos polo Ministerio de Industria e o DNI electrónico (DNI-e).
A fase da entrega da documentación electoral ao solicitante por parte do carteiro ou carteira, tamén vive cambios. O protocolo de seguridade posto en marcha por Correos desde o inicio da pandemia para evitar a firma na PDA e impedir que os destinatarios dos envíos e o carteiro toquen este equipamento, esténdese á entrega da documentación electoral.
Persoal de Correos comprobará a identidade do votante mediante o DNI, Pasaporte ou Permiso de Conducir e anotará o número do documento identificativo dando fe da recepción dos sobres e papeletas, sen que sexa imprescindible que o elector firme esta entrega.
En canto á formalización do voto, tamén se pon en marcha unha nova posibilidade. O elector, se o desexa, terá a opción de entregar ao carteiro ou carteira o sobre cumprimentado a cambio dun xustificante acreditativo do depósito do seu voto. Evítase así ter que acudir posteriormente a unha oficina de Correos. O empregado de Correos manterá en todo momento a distancia de seguridade e non accederá ao interior do domicilio.
Os carteiros extremarán o celo e a dilixencia para manter en todo momento baixo a súa custodia os votos emitidos que recollese, ata a súa entrega na unidade de repartición.
No voto rural mantense a fórmula coñecida como "ao paso", que considera aos carteiros como oficinas móbiles de admisión. Neste caso, por tanto, o persoal de Correos poderá recoller o sobre contendo o voto por correo tanto no mesmo instante de entrega da documentación electoral, como nun momento posterior, sempre que se realice en horarios e puntos afeitos de paso.
O elector tamén poderá entregar ao voto posteriormente, dentro dos prazos legais, nunha oficina de Correos. A data de deposito do voto para os comicios autonómicos conclúe o 10 de xullo ás 14:00 horas.
Se o elector decide acudir ás oficinas postais, todas contan con biombos de separación cos clientes e suprimiuse a firma dos destinatarios nas tabletas dixitais. Ademais, o tránsito dos clientes no interior atópase sinalizado por frechas para manter a distancia de seguridade de 2 metros e contrólase o aforo que evita aglomeracións; todos os empregados dispoñen de máscara FFP2, luvas e xeles de uso persoal; e os usuarios teñen á súa disposición xeles hidroalcóholicos.
Nas oficinas con máis electores habilitáronse portelos exclusivos para o voto por correo co obxecto de axilizar este trámite e reforzáronse as tarefas de desinfección e ventilación de todos os centros de traballo, vehículos e equipamento postal.
Relacionadas:
-
RADIO.- Votas por correo o 23X? En PontevedraViva Radio explicamos procedemento, dúbidas e curiosidades deste sistema de votación
Por Marisa Ciordia |
-
Simulacro das votacións en Marín: máscara obrigatoria, distancia de seguridade e cabinas sen cortinas
Por María José Pita |
-
Galicia prohíbe a apertura de discotecas e locais de lecer nocturno ata xullo
Por Redacción |
-
A metade dos colexios electorais de Pontevedra non reúnen as condicións de seguridade
Por Alejandro Espiño |
-
Os galegos, chamados de novo a votar o 12 de xullo nas eleccións aprazadas polo coronavirus
Por Natalia Puga | Creada e actualizada