O TSXG confirma a condena de 18 anos e medio de cárcere a Marcos Vidal polo crime de Ponte Caldelas
Por Natalia Puga
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidiu confirmar a sentenza que condena a Marcos Vidal a 18 anos e medio de cárcere por asasinar en novembro de 2015 ao marido dunha muller coa que mantivo unha relación intermitente, no que se coñeceu como crime de Ponte Caldelas.
A Sala do Civil e Penal do TSXG revisou a semana pasada a causa por mor dos recursos presentados polas partes á sentenza ditada pola sección cuarta da Audiencia de Pontevedra e finalmente decidiu desestimar todas as alegacións.
A Audiencia Provincial, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, condenou a Marcos Vidal a 18 anos e medio de cárcere e a oito anos de liberdade vixiada como autor dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento, pero a defensa do acusado pedía que non se tivese en conta esa circunstancia de aleivosía porque sostiña que o falecido, Manuel Rivas, puido defenderse. Baseándose nese argumento, pedía unha redución da condena a 15 anos de prisión.
O TSXG rexeita ese recurso e na súa resolución destaca que o Tribunal do Xurado baseou a existencia de aleivosía sorpresiva en que o ataque á vítima cunha navalla "foi sorpresivo e inesperado, sen que tivese oportunidade de defenderse", así como en que o condenado era "consciente de que o feito de portar unha navalla proporcionáballe superioridade e aproveitouna".
O fallo do alto tribunal galego sostén que o relato dos feitos que considerou probado o xurado é "claro en canto a que a vítima non puido defenderse ante un ataque sorpresivo e inesperado".
A defensa de Marcos Vidal sostiña que o falecido presentaba algunhas lesións defensivas e utilizábao como argumento para soster que si que puido defenderse. Con todo, o TSXG cre que son lesións derivadas "dunha reacción automática, non consciente, comprensible de calquera persoa que se atope nunha situación semellante", o que non implica que tivese posibilidade de defenderse.
Aínda que a defensa sostén que entre os implicados houbo un forcexeo, esa circunstancia non foi acreditada polo xurado. Aínda así, o Superior recalca que a existencia dun previo enfrontamento entre as partes non excluiría "o sorpresivo do ataque e a natureza alevosa da acción, dado que non era esperado en modo ningún pola vítima, pois o agresor asestoulle nun dormitorio diversas puñaladas en zonas vitais do corpo cunha navalla".
O TSXG tamén rexeitou o recurso da Fiscalía, que pedía que non se tivese en conta a atenuante de dilacións indebidas e se aumentase a condena ao acusado ata os 20 anos e un día. A esta petición sumouse a acusación particular, que exerce a familia do falecido.
Marcos Vidal asistiu á vista por videoconferencia desde a prisión de Teixeiro -non acudiu en persoas por prevención en plena pandemia do coronavirus- e quixo intervir ao final da sesión. Nunhas breves palabras insistiu en que "o ataque foi de pé", o condenado e o falecido estaban uno fronte ao outro.
Vidal tamén quixo aproveitar estas palabras para lembrar que segue sendo un preso preventivo case 5 anos despois do crime, o que implica que non ten acceso a determinadas características da vida penal como o acceso a traballo, formación ou deportes, co cal "lle xera prexuízos". Pediu "que isto termine xa" e poida seguir coa súa vida en prisión.