A marxe do Lérez entre as pontes do Burgo e os Tirantes terá itinerario peonil e ciclista
Por Natalia Puga
O Concello de Pontevedra acaba de encargar ao arquitecto Amador Rey o deseño dun proxecto que permitirá poñer a última peza para que toda a fachada fluvial e marítima de Pontevedra sexa un gran paseo con itinerario peonil e ciclista. Trátase de executar a rehabilitación integral do tramo da marxe do río Lérez entre as pontes do Burgo e os Tirantes, uns 800 metros de traxecto.
O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, explicou este xoves nunha rolda de prensa que este tramo é a última peza que se faltaba para que entre a parroquia de Bora e a desembocadura do río Lérez en Lourizán haxa un gran itinerario peonil e ciclista.
O tramo final aínda non está completo, pero si en marcha, pois o paseo de Marín está "a punto de empezar a construírse" e tan só quedaría este pequeno tramo de 800 metros para que un peón ou ciclista poida chegar dunha punta á outra sen dificultade de movemento.
Desta forma, unha vez finalizado este proxecto, "toda a fronte marítima de Pontevedra vai quedar con accesibilidade peonil". Serán entre 15 e 16 quilómetros e este tramo sobre o que xa traballa o arquitecto pontevedrés era unha peza "moi importante".
Demetrio Gómez explicou que o proxecto é complicado, pois necesita lograr unha accesibilidade lonxitudinal e transversal para peóns e ciclistas en puntos moi conflitivos como a ponte dos Tirantes, que ten unha rotonda de gran tamaño; a contorna do colexio Vidal Portela, na que hai que garantir o acceso do alumnado; o cruzamento de Pai Amoedo cara á ponte de Santiago, no que agora non hai pasos para ciclistas nin peóns habilitados; ou a parte traseira do mercado municipal, no que hai que garantir a actividade da propia praza e do aparcadoiro.
Na actualidade, hai zonas polas que peóns e ciclistas non teñen forma de cruzar e, en xeral, "os puntos máis complicados son todos", pois Demetrio Gómez recoñece que será complicado, por exemplo, atopar unha solución para a rotonda entre Pai Amoedo e a ponte de Santiago, o punto polo que máis cidadáns cruzan o río Lérez, camiño do campus, o pavillón municipal, a zona escolar e deportiva da Xunqueira e o Pazo da Cultura.
Unha das solucións que hai sobre a mesa para algunhas das zonas será "sacar unha beirarúa voando por enriba do río", pero recoñece que podería ser un trámite administrativo moi complexo. Ademais, o percorrido está afectado por unha zona de Costas e tamén pasa polas inmediacións do xacemento arqueolóxico de Valentín García Escudero, de modo que calquera tramitación complicarase e atrasarase.
O proxecto que encargaron ten un prazo de redacción de catro metros e logo chegaría a hora de estudar como materializar o proxecto. De momento, non hai prazos para a execución e o Concello non se pecha a ningunha proposta, á espera de que o arquitecto presente o seu proxecto. Só teñen claro que "a prioridade é peonil" e se iso supón que os vehículos teñan que dar "algunha volta máis" non supoñerá ningún problema.
Unha vez que se logre unha solución técnica, poderase "completar a clave de bóveda" e poderase poñer en valor o skyline de Pontevedra, que nesa zona "é espectacular" e permitirá potenciar dous edificios singulares como a escola Vidal Portela e os tres edificios de Tafisa.