O persoal de Política Social continúa coas protestas para reclamar a negociación da súa situación laboral
Por Redacción
Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT realizaban a terceira concentración este xoves dentro da campaña emprendida para reclamar á Consellería de Política Social unha negociación das condicións laborais para o persoal dos centros de atención a persoas con discapacidade, centros de menores, residencias de maiores e centros residenciais.
Lembran que estes espazos sufriron a crise sanitaria da Covid-19 con dureza ao dar atención a persoas vulnerables e reclaman diversas reivindicacións para recuperar dereitos laborais recortados no ano 2012.
Entre as medidas destaca a petición dun mínimo de dous días de descanso semanal consecutivos; librar a metade das fins de semana alternas; librar tamén a metade dos festivos e un descanso compensatorio por traballar en domingos e festivos.
Critican a xestión da conselleira Fabiola García por non dedicar "sequera cinco minutos para recibir aos representantes dos traballadores". Os convocantes aseguran que se non se produce ese encontro manterán o calendario de protestas para defender as súas demandas laborais ao entender que este persoal está a ser discriminado respecto a outros colectivos que contan con compensacións de domingos e festivos traballados ou se lles recoñecen días adicionais de descanso por traballar en jorandas significativas.
Está previsto que o vindeiro xoves 18 de xuño manteñan a protesta con concentracións ante os centros de traballo e, se continúa a negativa por parte da Xunta a manter un diálogo, prolongaranse durante o mes de xullo.
Relacionadas:
-
Os traballadores públicos dependentes de Política Social dan tregua ás súas protestas ata o mes de setembro
Por Redacción |
-
Os sindicatos chaman a unha concentración pola reconstrucción do país
Por Redacción |
-
Continúan as protestas dos traballadores das residencias de maiores para conseguir melloras laborais
Por Manu Otero |
-
Pontevedra tamén clama uns servizos sociais públicos e de calidade
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
As residencias de maiores e centros de persoas con discapacidade reactívanse con cautela
Por Redacción |
-
Persoal de centros dependentes de Política Social inicia protestas para reclamar á Xunta as súas vacacións
Por Mónica Patxot & Redacción |