A Policía Local de Poio, pioneira na tramitación de partes e atestados en galego
Por Redacción
Os integrantes do corpo de Policía Local de Poio participaban este mércores nun curso de formación, impartido polos responsables de XesPol, unha ferramenta que empregan os axentes do municipio desde o verán de 2019 e que permite axilizar os trámites. Desde agora atópase en lingua galega e desta forma o Concello de Poio será pioneiro na galeguización das dilixencias policiais.
Segundo a Concellería de Seguridade Cidadá e Normalización Lingüística, que dirixe Marga Caldas, Poio é o primeiro municipio de Galicia que adopta esta medida. Cando finalice o proceso de adaptación, a Policía Local terá a posibilidade de redactar os partes e trámites administrativos en lingua galega.
Marga Caldas afirma que se trata dun paso moi importante para normalizar "a nosa lingua a nivel institucional". A ferramenta XesPol conta con máis de 300 documentos de todos os ámbitos e conecta con máis de 40 bases de datos diferentes.
Con este instrumento redúcense os tempos de tramitación de atestados e os partes, mellorando a efectividade do labor que desenvolven os axentes da Policía Local, segundo indican desde o Concello de Poio.
Relacionadas:
-
Nova ferramenta na Policía Local para previr condutas discriminatorias que inciten ao odio
Por Redacción |
-
Detido en Poio por golpear a súa parella en presenza dun bebé
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio gaña eficacia na documentación dos casos de violencia de xénero
Por Redacción |
-
A Policía Local de Poio gaña en axilidade ao sumarse ao programa XesPol
Por Redacción |