A segunda edición do Congreso Atlántico de Marketing Dixital Fluor, por videoconferencia
Por Redacción
Despois do éxito colleitado na súa primeira edición de carácter presencial en xuño do 2019, o Congreso Atlántico de Márketing Dixital Fluor regresa este mes de xuño en formato online e coa participación de máis de 25 relatores do ámbito nacional e internacional.
Promovido pola Concellería de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra, o ciclo está previsto para os días 16, 17 e 18 de xuño cunha oferta que engloba 19 actividades, 12 conferencias, 3 mesas redondas e 4 talleres prácticos. Unha programación que o consolida como o maior evento sobre márketing dixital do noroeste de España.
As charlas serán impartidas por especialistas en negocio dixital, publicidade dixital, branding e social media; e entre os participantes figuran directivos de Google, Dropbox, Ikea, Telefónica, Estrella Galicia, Heineken, Sony, Atresmedia, Prisa, PC Compoñentes ou LaLiga.
O congreso está organizado pola Agrupación industrial de Comunicación de Galicia, do que forman parte colectivos como a Asociación Galega de Marketing ‘ Markea’, a Asociación de Directores de Comunicación ‘ Dircom Galicia’ ou Creatividade Galega. Unha rede que serve de nexo de unión de toda a cadea do sector da comunicación.
O programa empezará o día 16 e 17 de xuño coas conferencias e mesas redondas, mentres que os talleres concentraranse na xornada do xoves 18.
As mesas redondas do Congreso Fluor versarán sobre a transformación dixital en todos os ámbitos: a loxística de entrega a domicilio, a produción musical e os medios de comunicación.
Os talleres, pola súa banda, centraranse en técnicas de SEO e arquitectura WP, vender e posicionarse en Amazon, optimización de campañas en Facebook e fidelización de clientes e como convertelos en embaixadores de marca.
Aínda que esta segunda edición non se realizará de forma presencial "a imaxe da nosa cidade estará presente a través de diversos vídeos durante a emisión en directo do congreso", explica a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco. As entradas teñen un prezo de 12 euros, con desconto de 5 euros para estudantes menores de 25 anos, e dan acceso a todas as actividades durante os tres días.
As inscricións poden realizarse a través da páxina web www.congresofluor.com, onde tamén figura o programa e toda a información relativa ao congreso.