O Goberno local aproba o Plan Económico-Financeiro coa abstención da oposición e pasa páxina: "non hai caso"
Por Natalia Puga
Os votos a favor do grupo de goberno permitiron este martes a aprobación do Plan Económico-Financieiro ( PEF) que tivo que elaborar o Goberno local en cumprimento da denominada Lei Montoro por incumprir a regra de gasto. O documento debateuse na Comisión de Economía e Facenda e saíu aprobado co apoio de BNG e PSOE e contou coa abstención dos partidos da oposición, PP e Cidadáns.
O concelleiro de Facenda, Raimundo González, deu a coñecer a aprobación nunha comparecencia na que destacou que o Plan elaborado "cumpre todos os requisitos que marca a lei" e, tras analizar as causas do incumprimento da regra de gasto, conclúe que "a saúde económica do Concello é sólida".
González insiste en que tanto o Plan como os informes de Intervención constatan esa boa saúde económica e lembra que a pesar de que nas contas do ano pasado superaron a regra de gasto en 2,6 millóns, o exercicio terminou cun superávit de case 5 millóns de euros, de modo que era necesario elaborar este documento porque é un "requisito formal" que marca a lei, pero non é necesario adoptar ningunha medida.
"Estamos diante dun incumprimento coxuntural, non é nada estrutural, nada grave, unha situación momentánea que non pon en perigo para nada a saúde do Concello", insistiu Raimundo, á vez que lembrou que, sen tratar de xustificarse, hai xa tempo que dixo que este Plan era unha cuestión formal e que "non hai caso".
O Plan debe aprobarse no próximo Pleno e logo será necesario trasladalo á Xunta de Galicia pero a súa aprobación, pero Raimundo González quixo pasar páxina xa insistindo en que non terá ningunha influencia na saúde económica nin a execución do orzamento municipal.
A necesidade de elaborar este Plan deuna a coñecer o PP semanas atrás e provocou unha serie de acusacións por parte do primeiro partido da oposición, pero en concelleiro de Facenda réstalle importancia e cre que é "un tema que tiña que pasar practicamente desapercibido porque non ten máis transcendencia".
Ademais, insistiu en que non ten constancia de que a elaboración deste Plan obrigase a paralizar ningún expediente nin evitou realizar gastos. De feito, durante a pandemia xa se realizaron unha serie de gastos de máis dun millón de euros que se cargaron a distintas partidas de gastos do orzamento de 2020 sen ningún tipo de problema.
Respecto diso, Raimundo González engadiu que este Plan fai referencia na súa redacción á previsión de ingresos do Concello tendo en conta o impacto da crise da Covid-19 e xa ten en conta que pode haber unha diminución, aínda que esta non se notará xa neste exercicio 2020, senón para 2021 e 2022.
Ademais, xa contempla que se poderá producir unha redución das transferencias do Estado e a Deputación Provincial ás arcas municipais que pode chegar ao 20 ou 25%. É, por tanto un "Plan moi adaptado á realidade e á saúde económica do Concello".
MOCIÓNS DA OPOSICIÓN
A comisión de Facenda tamén abordou dúas mocións presentadas polo PP e Cidadáns de fronte ao próximo Pleno. A da formación laranxa reclama reducir certas partidas de gasto dos orzamentos 2020 e contou coa abstención do PP e o voto en contra de BNG e PSOE.
Raimundo González valorou que esta moción ten unha "seriedade máis ben escasa", pois propón, por exemplo, reducir a achega aos premios do desfile de Entroido, que xa se celebrou; o gasto da Cabalgata de Reyes, tamén celebrada; ou a Festa do Caldo, igualmente pasada xa. "Van ter que devolver os caramelos os nenos que xa foron á Cabalgata?", pregúntase ironicamente o concelleiro.
A moción do PP propón a eliminación da taxa de veladores e a exención do pago de recibo do lixo mentres dure o estado de alarma e contou coa oposición do grupo de goberno remitíndose ao Pleno anterior, no que xa se abordaron estas mesmas cuestións.
Relacionadas:
-
O Concello ve "inservible" a decisión do Goberno de suspender a regra de gasto para o que queda do 2020
Por Redacción |
-
O PP reclama ao Goberno que permita aos concellos usar os seus aforros para paliar os efectos da crise
Por Redacción |
-
Pontevedra aproba o seu plan financieiro entre críticas da oposición á xestión económica
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O vindeiro luns será o sorteo de mesas electorais para as eleccións do 12 de xullo
Por Oskar Viéitez |
-
O plan económico financeiro do Concello de Pontevedra "non é nin un pecado venial"
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello incumpriu a Lei de Estabilidade Orzamentaria ao saltarse a regra de gasto en 2,6 millóns
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |