A CIG pide aos gobernos solucións xustas coa clase traballadora: "Imos estar calados? Non. Estades levándonos ao matadoiro"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O sindicato CIG realizaba este martes 9 unha marcha nas principais cidades de Galicia. En Pontevedra, delegados da central desprazábanse ata a Alameda onde se celebrou unha asemblea coa participación de diversos representantes sindicais reclamando solucións xustas para afrontar a actual crise económica, laboral, industrial e social que atravesan as familias galegas.
Desde a central nacionalista queren reactivar a acción social para as eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo. Marcos Conde, secretario comarcal da CIG, afirmaba que as clases traballadoras teñen que ser conscientes de que a situación actual débese ao resultado dunhas políticas económicas realizadas ao servizo das empresas. "Temos que votar a opcións que defenden os traballadores e non as empresas, apuntou Conde.
Durante a asemblea destacouse o labor desenvolvido por delegados e delegadas nas empresas durante este estado de alarma. O secretario comarcal apuntaba a que as empresas aproveitaron esta urxencia para facer modificacións das condicións de traballo abusando da situación.
"Despois de dar o callo, ao día seguinte, se acababa o contrato y a la puta calle... Estámolo mirando" explicaba sinalando que se aprobaron os ERTEs de forza maior establecidos polo Goberno central para que non se despedise e, con todo, Marcos Conde asegura que se está comunicando despedimentos sen que haxa consecuencias para a patronal.
"Imos estar calados? Non. Estades levándonos ao matadoiro", apuntou o representante sindical, que mantén a reclamación de que se derrogue a reforma laboral e a reforma das pensións para buscar solucións para a clase traballadora que, segundo explicou, atópase nun 50% en situación de ERTE. "Non hai máis que ver os comedores sociais", apuntou.
Lembrou o traballo desempeñado durante estes meses, empresa por empresa, para regular as condicións de traballo. "As traballadoras da conserva estaban unhas xunto a outras, a menos de medio metro. Nos supermercados todo o mundo ía mercar conserva, pero hai que preguntarse de que maneira se elaborou ese produto. Foron os comités e os delegados os que lle deron solucións", afirmaba Marcos Conde.
Ademais criticou as políticas económicas do Goberno central e da Xunta de Galicia en relación co prezo das tarifas eléctricas. Reivindica outras fórmulas que permitan o desenvolvemento de proxectos industriais que permitan crear emprego digno e con salarios xustos.
Relacionadas:
-
CIG convoca a súa asemblea comarcal como primeira forza sindical en Pontevedra e O Salnés
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Protestas da CIG contra o acordo que prorroga os ERTE ao entender que as condicións prexudican a clase traballadora
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
A CIG concéntrase ante a Subdelegación, convencida de que o Goberno de Sánchez non vai derrogar a reforma laboral
Por Redacción |
-
Protesta da CIG ante a Xunta contra as políticas laborais e económicas do goberno de Núñez Feijóo
Por Redacción |
-
Protestas simbólicas da CIG diante de centros de traballo con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde Laboral
Por Redacción |