Retorna a feira de Carballedo con 20 postos de venda, polbeira e distanciamento de seguridade
Por Redacción
O venres 12 de xuño é a data marcada polo Concello de Cerdedo-Cotobade para reactivar a feira mensual de Carballedo, o único mercado ambulante que se celebra no municipio. Esta cita suspendíase despois do 13 de marzo, cando se celebrou por última vez hai tres meses, debido á entrada en vigor do estado de alarma.
A cita, a partir deste 12 de xuño, seguirá sendo todos os segundos venres de cada mes. Acollerá vinte postos de venda de produtos artesanais, alimentación, roupa, material para o fogar e a presenza dun posto de venda de polbo a cargo da Fuchela, que procede do municipio do Carballiño (Ourense).
A celebración desta feira realizarase no centro da Chan, unha zona que, segundo indica o goberno local, conta con espazo suficiente para establecer todas as medidas de seguridade e sanitarias para preservar a saúde das persoas que acudan a realizar as súas compras.
Jorge Cubela, alcalde de Cerdedo-Cotobade, explica que se decide poñer en marcha este mercado ambulante ao atoparse Galicia na terceira fase do plan de desescalada e cunha situación epidemiolóxica que foi mellorando. En todo caso, lembra ás persoas que queiran achegarse que deben actuar coa máxima responsabilidade utilizando máscaras e mantendo a distancia de dous metros entre as persoas, ademais de manter a hixiene de mans.
SUSPENSIÓN DO ECCE HOMO
O goberno local apoia, por outra banda, a decisión da comisión de festas de Cerdedo de suspender as celebracións previstas con motivo do Ecce Homo. Este evento celébrase durante a última fin de semana de xullo e é unha festa moi concorrida.
A organización considera que é complicado poder manter a distancia de seguridade nas verbenas e noutras actividades que se desenvolven nesta festividade.