A Xunta elabora unha lista de recomendacións para as visitas ás residencias de maiores
Por Redacción
Galicia avanza nas fases de desescalada coa mirada posta nos colectivos máis vulnerables. No caso dos nosos maiores, a Xunta está a intensificar os seus esforzos para que os centros residenciais continúen coa súa actividade con total seguridade e garantías.
En contacto estreito coas autoridades sanitarias e de servizos sociais, o Goberno autonómico elaboraba un protocolo para que os nosos maiores puidesen recibir a visita dos seus familiares e persoas achegadas con total garantía. No mesmo, facíase un chamamento á poboación para que actuase con responsabilidade para protexer aos maiores e tamén aos profesionais das residencias.
Desde o pasado 25 de maio, están permitidas as visitas ás residencias de maiores, coincidindo co inicio da denominada fase 2. Galicia segue avanzando nos pasos da desescalada e, coa actual autorización da mobilidade entre provincias, son moitas as familias que se van desprazar ás residencias para reunirse cos seus maiores.
Logo de moitas semanas de implicación de toda a cidadanía e, sobre todo, grazas ao esforzo de todo o persoal de servizos sociais e sanitario, o peor da pandemia foi superado. Con todo, desde a Administración autonómica lémbrase que o virus da covid-19 aínda non está erradicado e que a mellor maneira de coidar dos nosos maiores e protexelos é actuando con responsabilidade durante estes esperados reencontros.
RECOMENDACIÓNS NA VISITA ÁS RESIDENCIAS DE MAIORES
Co obxectivo de garantir o benestar dos nosos maiores, cando visitamos un centro residencial cómpre seguir unha serie de instrucións que a Xunta recolle no seguinte protocolo de actuación:
- Cita previa: Para visitar unha residencia temos que chamar con anterioridade e pedir cita. Todos os centros están en proceso de readaptación, tanto dos seus espazos de visitas como na organización do persoal, é por iso que se pide comprensión por parte dos visitantes para adaptarse ás indicacións, quendas e medidas de seguridade que se lles vaian comunicando.
- Un único visitante: Co fin de minimizar os riscos de contaxio, só está permitido un visitante por cada residente, unha vez á semana (aínda que nos centros máis pequenos poderían ser dúas) e no día e hora acordados coa residencia.
- Sen síntomas: Se temos algunha sospeita de que podemos estar contaxiados debemos ser prudentes e non acudir á visita. De todos os xeitos, na entrada do centro o persoal comprobará que non presentamos síntomas, con medidas como a toma de temperatura.
- Máscara: É obrigatorio o uso de máscara protectora en todo momento. Non poderemos quitala en ningún caso mentres nos atopemos no interior do recinto.
- Lavar as mans: A hixiene segue a ser fundamental á hora de evitar contaxios, así que debemos lavar as mans con frecuencia. Tamén se recomenda usar unha solución de hidroxel alcólico..
- Permítense os paseos: Se é posible, son recomendables os paseos por zonas amplas ao aire libre e espazos verdes que sexan do propio centro, sempre coa máscara protectora e respectando o distanciamento. De non ser posible, realizaranse os encontros en espazos interiores amplos.
- Visita a persoas que estean na cama: Só se poden facer visitas no cuarto do residente no caso de que este se atope encamado.
- Indicacións da residencia: En todo caso, haberá que seguir estritamente as instrucións e protocolos establecidos pola propia residencia, que se adaptarán a cada centro en función das súas características.