Volven, con máscara protectora, os 'Paseos Palleiros' a partir do vindeiro sábado 13 de xuño
Por Redacción
A asociación protectora de animais Os Palleiros de Pontevedra anuncia que a partir do próximo sábado 13 de xuño reactivaranse os Paseos Palleiros, unha iniciativa que se realiza con aquelas persoas que queiran colaborar, de maneira colectiva, realizando un paseo con animais que se atopan nas instalacións da protectora en Campañó.
Polo momento, desde o colectivo sinalan que esta proposta vai desenvolverse os sábados a partir das 19.00 horas e solicitan ás persoas interesadas en que se acheguen 15 minutos antes polo local da protectora para organizar como se distribúe o grupo.
A dirección de Os Palleiros alerta de que é necesario que cada persoa leve as súas propias correas para evitar que se comparta o material e, desta forma, non correr riscos sanitarios. Os animais levarán o seu propio arnés para enganchar á correa. Tamén será necesario empregar máscara protectora e gardar distancias de seguridade.
Os cans recolleranse fóra do recinto da protectora. Varias persoas voluntarias da protectora encargaranse de ir entregando aos cans para o paseo. No caso de que se acheguen moitos participantes o grupo dividiríase en dous, cun par de responsables por grupo.
A asociación sinala que tamén se poñerán en marcha paseos durante os martes e xoves con horarios ás 17.00 e ás 18.30 horas coas mesmas normas que se establecen para este primeiro paseo. Para participar non é preciso realizar unha solicitude previa, só acudir ás instalacións de Campañó ás 18.45 horas do sábado 13.